13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





25 feb 2011

A sanidade: tensionada e moi pouco produtiva

O médico e economista Enrique Castellón defende o copago 

 

Galicia Hoxe

 

"O gasto no actual sistema de saúde está moi tensionado e a produtividade é moi baixa". Esta foi unha das reflexións achegadas onte á mañá en Santiago polo prestixioso médico e economista Enrique Castellón, quen ofreceu a conferencia titulada Reformas sanitarias para o sistema sanitario do futuro no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Neste contexto, Castellón asegurou que, "de momento", o sistema sanitario español "sostense", pero "a pregunta é ata cando". Como solución para o saneamento das arcas da sanidade española, o experto avogou por diferentes alternativas.
Deste xeito, apostou, por exemplo, por unha mellor xestión da demanda, "separar o fundamental do accesorio" no catálogo de servizos, unha mellor xestión da oferta ou unha modificación da propia estrutura e modelo de financiamento.
Neste punto, o médico e economista recordou que as reformas sanitarias "nunca estiveron altas na axenda política", algo que atribuíu, entre outros factores, a unha "excesiva autocompracencia" e a unha "visión curtopracista". Con todo, matizou que "hai moitos axentes implicados", polo que defendeu a necesidade de "buscar consensos".
Un dos puntos nos que incidiu especialmente o doutor Castellón foi no actual gasto farmaceútico, que considerou "elevado". Neste sentido, avogou por un sistema de copagamento nas receitas farmaceúticas expedidas polo Sergas, sen exclusión dos pensionistas, similar ó método aplicado hoxe en día en Muface -todos os seus clientes pagan o 30% do custo de cada fármaco, sexan ou non pensionistas-.
Castelló considerou que "carece de sentido" financiar ao cento por cento os medicamentos do colectivo de xubilados, e valorou que o copagamento posibilitaría un "aforro moi sensible". "É un auténtico desbaldimento e non se xustifica", resaltou.

A opción: fixar un tope anual para as rendas máis baixas
Ademais, Enrique Castellón afirmou que "non hai impedimento moral", xa que "moitos pensionistas teñen máis recursos que moitos activos". En todo caso, dixo que se podería fixar un tope anual de gasto para as rendas máis baixas.


ENRIQUE CASTELLÓN é licenciado en Medicina e Cirurxía e especialista en Medicina Interna, ademais de licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola prestixiosa Universidade de Harvard. Comezou como médico asistencial no servizo de Medicina Interna do Hospital Clínico San Carlos de Madrid. Posteriormente, formou parte do corpo de inspectores médicos da Seguridade Social. Entre os anos 1991 e 1995, foi director xeral do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Puxo en marcha o Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas e o Centro Nacional de Investigación Cardiovascular. Tamén colaborou como asesor de varias fundacións de investigación en ciencias da saúde e foi consultor do Banco Mundial. Na imaxe, fotografado onte antes da súa conferencia no Hospital Clínico compostelán.