13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





24 ene 2011

4.000 € perde a farmacia

As boticas galegas denuncian as perdas de stocks afectados por cada establecemento ·· Sanidade revisará a partir do 1 de marzo os novos prezos 

 

Galicia Hoxe


A Consellería de Sanidade prevé que "haberá que facer un axuste" no polémico catálogo de medicamentos a partir do 1 de marzo coa entrada en vigor de novos prezos de referencia de fármacos do Sistema Nacional de Saúde (SNS).
Así o explicou a directora de Asistencia Sanitaria da Administración sanitaria galega, Neves Domínguez, quen estimou que "haberá algún cambio" no catálogo, que entrou en vigor o pasado 3 de xaneiro con 34 principios activos na súa primeira fase. Domínguez, que insistiu en que o catálogo "non invade competencias" estatais, como sostén o Ministerio de Sanidade, e "respecta a toponimia" do Sistema Nacional de Saúde, malia que o Goberno central decidiu recorrer ante o Tribunal Constitucional a lei galega pola que se puxo en marcha.
As farmacias galegas deixaron o día 18 deste mes definitivamente de dar con receita os fármacos que estean fóra do catálogo de medicamentos. Pero as farmacias galegas falan de "problemas de desabastecemento" e pídenlle á Administración galega que aclare se para os usuarios doutras comunidades prima en Galiza o nomenclator nacional ou se deben tamén acollerse ao novo catálogo galego, que se atopa en vías de ser recorrido polo Goberno central. Desde a Xunta aseguran que o seu catálogo debe ser o empregado para dispensar medicinas a calquera paciente, sexa de dentro ou de fóra da comunidade.
Ao respecto, reiterou Domínguez que a Consellería de Sanidade se "puxo a disposición" do departamento de Leire Pajín "para aclarar calquera dúbida en canto á lei e ao catálogo. Teñen a nosa colaboración total e absoluta", subliñou Domínguez.
Tras afirmar, malia as continuas protestas desde o sector farmacéutico, que a implantación do catálogo está a "ir con absoluta normalidade" en Galiza dende que o pasado día 16 concluíu o período de convivencia dado polo Sergas ás oficinas de farmacia para dispensar fármacos fóra de catálogo co fin de "liberar stock", Neves Domínguez trasladou a estimación de que a súa posta en marcha permite "un aforro diario de 300.000 euros" cos 34 principios activos.
As farmacias poden cambiar até final de mes -31 de xaneiro- un fármaco receitado que non teñan dispoñible por outro incluído no catálogo para que "teñan marxe de manobra", segundo matizou Domínguez, que aclarou que o período de transición inicial habilitado ata o día 16 fixo posible unha mellor adaptación dos stocks, aínda que estes, segundo afirmou, contan cunha "alta rotación", estimada entre un e tres días.
Malia que a Consellería de Sanidade indicou que non o informaron de "desabastecemento" nas primeiras semanas de implantación do catálogo, farmacéuticos de varias provincias, sobre todo de Pontevedra, constataron "de-sabastecemento puntual" dalgúns principios activos incluídos.
Mesmo, tras informar á Subdirección de Farmacia da falta de lercanidipino, esta autorizou con data do 19 de xaneiro "de forma excepcional" ata o luns 24 de xaneiro a dispensar outras especialidades farmacéuticas "non incluídas no catálogo priorizado" sempre que "unha farmacia non dispoña" deste.
Tamén nesta semana os farmacéuticos de Pontevedra alertaron de desabastecemento de Risperidona 0,5 mg porque o laboratorio que o comercializa "non o ten dispoñible", segundo explicaron a Europa Press fontes do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, que han puntualizo que se trata dun medicamento "de pouca rotación".
Segundo datos solicitados esta semana polo Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, 199 das 429 farmacias que traballan na provincia cifraron en 796.335,09 euros a suma dos importes dos stocks que quedaran nas oficinas, polo que a media de stock dos medicamentos afectados por farmacia ascende a uns 4.000 euros.
"Estes medicamentos a día de hoxe son unicamente dispensables en receitas das mutualidades ou en receitas privadas, as sumas das cales representa unicamente o catro por cento da dispensa total de medicamentos na provincia de Pontevedra,", expresaron.
As farmacias pontevedresas consideran que no período de convivencia dado ata o 16 de xaneiro unicamente deron saída "ao 26 por cento" do seu stock, sen que ningunha oficina das consultadas "dispensara máis do 28,8 por cento" do seu stock destes medicamentos nesas dúas semanas.

DATOS

PSdeG pide subvención do tratamento contra o tabaquismo
A deputada socialista Carmen Acuña presentou unha proposición non de lei no Parlamento galego esixindo que o Goberno autonómico se "sume ao esforzo" da lei antitabaco financiando os fármacos para deshabituar os fumadores galegos.
A deputada instou a Xunta para "exercer as funcións de control e inspección" en cumprimento desta lei e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para "establecer e xeneralizar" os programas para desenganchar os fumadores na Comunidade galega. Estes programas, en opinión da socialista, deberían realizarse ofrecendo aos pacientes "que o precisen" fármacos que teñan "eficacia probada" na superación do tabaquismo, unha adicción que segundo a deputada causa anualmente, no conxunto do Estado español, gastos sanitarios por valor de 17.000 millóns de euros.
Así mesmo, Acuña reclamou á Xunta que realice unha campaña informativa entre os cidadáns galegos para explicarlles cáles son os seus dereitos con respecto a este asunto.
Por último, a encargada en materia de sanidade do PSdeG sinalou que na aplicación da anterior lei antitabaco, de 2005, existiron "desigualdades". Segundo a deputada, en 2010, o 30 por cento dos locais da provincia de Ourense "incumprían a lei".
Mentres, o Gremio de restauración e as 74 asociacións que forman a Xunta Directiva da Federación Española de Hostalería (FEHR) acordaron crear unha plataforma para solicitar as 500.000 firmas que son necesarias para presentar unha iniciativa lexislativa para que se modifique a lei antitabaco. O vicepresidente da Federación Española e presidente do Gremio de Restauración de Barcelona, Gaietà Farràs, declaroulle a Efe que "desde a aplicación da lei os locais están perdendo entre o 10 e o 30% dos seus ingresos".


No hay comentarios:

Publicar un comentario