13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





5 feb 2011

Farjas obvia o recurso de Sanidad e mantén o listado de fármacos

Os socialistas consideran o recurso “unha boa noticia para o país” e o BNG pedirá a Pajín que explique a decisión no Congreso dos Deputados

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) considerou unha “decisión política” o recurso de inconstitucionalidade aprobado onte polo Consello de Ministros contra a lei de Galicia pola que se puxo en marcha o catálogo priorizado de medicamentos. Ademais, a Xunta ratificou que “está en vigor e seguirá mentres non exista comunicación do Tribunal Constitucional”.
Nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por todos os altos cargos da Administración sanitaria galega, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, subliñou que o anuncio de “seguir adiante co recurso” non cambia a aplicación do catálogo e “non modifica a situación de legalidade” actual. Subliñou que a decisión do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e do Ministerio de Sanidade “ten como único obxectivo recorrer un catálogo aprobado polo Parlamento de Galicia” e “é un exemplo claro de incoherencia”.
O informe do Consello de Estado alude, porén, a que non respecta principios constitucionais e a que vulnera normas como a lei xeral de sanidade ou a lexislación sobre prescripción, que é competencia estatal, como explicaba o maxistrado A. Villagómez nun artigo de opinión publicado en Xornal de Galicia baixo o título A lei do gasto farmacéutico.
Con todo, Farjas insistiu en que “Galicia financia os mesmos medicamentos que calquera comunidade”e avogou por “non confundir unha marca co principio activo”. Por iso, insistiu en que o “Ministerio de Sanidade é o grande ausente nun momento decisivo da sostenibilidade da sanidade” e indicou de “preocupante” que a ministra do ramo, Leire Pajín, nun contexto de crise decida “ir contra unha lei do Parlamento galego, contra a Xunta e contra a sanidade pública”.
Insistiu en que a medida permite aforrar uns 300.000 euros diarios e en que a comunidade “financia os mesmos medicamentos que calquera outra”, xa que, matizou ao organismo que autoriza os fármacos a dispensar “é a Axencia Española do Medicamento”, que depende do Ministerio de Sanidade.
Nesta liña, Farjas criticou que o Goberno “fomenta que as comunidades gasten máis en medicamentos mentres hai alternativas máis eficientes”. Deste modo, afirmou que o Goberno “trata de penalizar a Galicia”. A Xunta agora “espera con prudencia” a coñecer os fundamentos xurídicos do recurso, indicou.
Porén, o PSdeG considera que o anuncio do Goberno é a “confirmación” de que o listado da Xunta atenta contra o Sistema Nacional de Saúde (SNS).

MENOS PRESTACIÓNS
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez, sinalou que o recurso anunciado polo Consello de Ministros era “unha boa noticia para os enfermos deste país”.
Na presentación do candidato socialista á Alcaldía de Burela (Lugo), Alfredo García, o dirixente do PSdeG insistiu en que o catálogo é “totalmente ilegal”, xa que, “baixo o paraugas do aforro farmacéutico”, se suprime o dereito dos galegos “a máis de 400 medicamentos” aos que si poden acceder o resto de cidadáns do Estado. “Non é xusto”, dixo.
Tamén o portavoz de Sanidade do PSdeG, Modesto Pose, pediu á Xunta que “recule” se lle queda algo de responsabilidade” tras aprobar o Consello de Ministros o recurso a presentar ante o Tribunal Constitucional. “Xa o diciamos nós”, afirmou, en declaracións aos medios o deputado socialista, que recordou que médicos e farmacéuticos, así como a industria farmacéutica manifestáronse en contra do catálogo e apuntou os “problemas de desabastecemento” que sofren algunhas boticas.

MALA XESTIÓN
Aportavoz de Sanidade do BNG, Ana Luísa Bouza, expresou o rexeitamento da súa formación ao recurso do Goberno central, que atribuíu os problemas que está dando o catálogo á “mala xestión da propia Consellería de Sanidade”, ao que sumou a “falta de negociación coas farmacias e a ausencia de información a usuarios e facultativos”. Bouza afirmou que o BNG “non aceptará” que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “utilice este recurso para xustificarunha política sanitaria de recortes”.
O portavoz parlamentario do PPdeG en materia sanitaria, Miguel Santalices, destacou que este recurso de inconstitucionalidade representa unha “mala noticia” e considerou que en Madrid “entenderon mal a mensaxe”, mentres que a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila pediu a Pajín que explique a medida na cámara.


Boticarios, fármacos e anciáns


    

No hay comentarios:

Publicar un comentario