13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





26 feb 2011

O Sergas presiona ás farmacias para que apliquen o catálogo

Sanidade quere estendelo antes da súa probable suspensión

La Voz de Galicia




O Sergas segue tomando posicións no seu conflito co Ministerio de Sanidade polo catálogo de xenéricos. Agora pide ás farmacias que o apliquen de xeito estrito. Desde principios de xaneiro, a Xunta só paga as receitas daqueles medicamentos incluídos nunha listaxe propia, co obxectivo de aforrar cen millóns de euros ao ano da disparada factura farmacéutica. O Goberno de España levou o asunto ao Tribunal Constitucional por suposta invasión de competencias. Pero tamén os colexios farmacéuticos recorrérono.
Por iso, esta semana a directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez, enviou un escrito aos presidentes dos colexios oficiais de farmacia das catro provincias galegas no que lles recorda que existe unha lei galega (a 12/2010) de racionalización do gasto farmacéutico e que o seu artigo 2 obriga a garantir «a especialidade prescrita na receita». Esa normativa di que as oficinas de farmacia «deberán respectar o catálogo priorizado de produtos farmacéuticos».
Todas as leis son de obrigado cumprimento e as farmacias coñecen ben esta, así que só se entende que o Sergas lles recorde ás farmacias que deben cumprila nun contexto. Sanidade coñece o descontento xerado no sector e quere asegurarse que aplican o catálogo. Aínda así, a carta do Sergas é moi comedida. Lonxe de asperezas, agradece a «inestimable colaboración» das boticas, a pesar de que os colexios anunciaron que recorrerían esa normativa.
Tras a comunicación, os representantes das farmacias recordáronlles aos seus asociados en correos internos que a partir do 1 de marzo «a maioría dos medicamentos excluídos a día de hoxe» do catálogo sumaranse a el. Porque nese momento entra en vigor unha orde do Ministerio de Sanidade que reduce os prezos de referencia dos fármacos.
Non é o primeiro movemento do Servizo Galego de Saúde para acelerar ao máximo o despregamento do seu catálogo de medicamentos, ante a máis que probable suspensión cautelar da súa aplicación que ditará o Tribunal Constitucional a raíz do recurso do Goberno. Recentemente, o Sergas pedía aos seus médicos que substituísen todos os tratamentos para pacientes crónicos que xa se iniciaron antes da entrada en vigor do catálogo. Con estas medidas, a Administración sanitaria pretende que o catálogo galego sexa unha realidade e que o aforro se dispare aínda a pesar de que se paralice.


     

No hay comentarios:

Publicar un comentario