La Voz de Galicia
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte sabe que as campañas electorais son bo momento para que os políticos asuman compromisos. Os seus portavoces queren aproveitar a proximidade dos comicios de maio para solicitar apoios entre os candidatos a gobernar os municipios da área sanitaria de Monforte. Para iso, enviaralles cartas a todos nas que lles pedirán que asuman as súas reivindicacións e inclúanas sen ambigüidades nos seus programas electorais. Aos tres que se presentarán en Monforte, ademais, proponlles un debate aberto sobre sanidade pública.
A campaña lanzouna onte a plataforma nun acto informativo celebrado na súa sede e para o que reuniron a preto de vinte persoas que colaboran con este colectivo. Ante a prensa presentáronse con carteis que recordan que onte facía 281 días que o presidente da Xunta prometeulles á entrada dun mitin que pronto sairía o decreto que debe desenvolver a creación da área sanitaria integrada. Non pensaron aínda se se farán presentes durante a campaña con actos á porta dos mitins para recordarlle aquel compromiso a Alberto Núñez Feijoo, pero o estudarán.
Debate en Monforte cos tres
En todo caso, si teñen claro que o debate aberto fai xa máis dun ano pola situación do hospital e o futuro da área sanitaria ten que estar en campaña. E non será necesariamente con mobilizacións, senón en forma de compromisos dos candidatos.
Aos tres que por agora confirmaron que se presentarán en Monforte enviaranlles cartas nas que os citan a «un debate público» para determinar a posición de cada un ao redor da sanidade pública, a integridade da área sanitaria de Monforte e a defensa da capacidade asistencial do hospital comarcal.
Aos candidatos de todos os partidos no resto da área sanitaria convocaranos a reunións nos seus respectivos municipios, nas que lles entregarán as propostas que a plataforma quere ver plasmadas en forma de compromisos en todos os programas electorais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario