«En resposta á súa solicitude de asistencia, comunicámoslle que deberá acudir a consultas externas na data e hora indicadas». Así comezaba a carta da Consellería de Sanidade que Digna Doval recibiu a principios deste mes na súa casa da aldea de Paradacostoira, en Chantada. Era unha cita para facerse unha ecografía no novo hospital de Lugo, pero non para ela. O destinatario era o seu marido, Virgilio López Méndez, que morreu en 1996 no hospital de Monforte cando tiña 74 anos.
A muller leu e releu a carta e, unha vez convencida de que non se equivocaba, presentouse no centro de saúde de Chantada. Tras a sorpresa inicial, o persoal que a atendeu púxose en contacto co Hospital Lucus Augusti para advertir do erro. «Dixéronme que non tinga que facer nada, que non preocupáseme», recordaba onte a muller.
E efectivamente, non fixo nada. Nin ten intención de facelo. Interpreta o sucedido como un simple erro, rechamante pero sen maior transcendencia. «Eu non lle boto a culpa a ninguén -sentenza- porque equivocar, todos nos equivocamos algunha vez».
Unha simple «disfunción»
O de Virgilio López Méndez non é o caso dunha vítima dun atraso descomunal na realización dunha proba diagnóstica, senón que se trata dun fallo técnico. Os portavoces da Consellería de Sanidade aseguran literalmente que se tratou dunha «disfunción non proceso de citación, debido ao trasldo ao novo hospital de Lugo e ao volume de pacientes que se está a manexar».
De maneira que no medio do trajín da estrea do novo hospital alguén cometeu unha equivocación ao introducir nun computador o número do historial clínico dun paciente que tiña que ser citado para facerse o 22 de decembro unha ecografía na sala 57 do servizo de radioloxía. O código tecleado correspondía en realidade a Virgilio López, que tiña historial aberto no Hospital Xeral Calde porque foi atendido alí no servizo de pneumoloxía o mesmo ano do seu falecemento. Ninguén debeu de advertir o erro, así que a carta coa citación saíu cara a Paradacostoira.
Os portavoces da consellería lamentan o ocorrido, pero subliñan que se trata dun problema puntual. Ademais, aseguran non detectar ningunha outra «disfunción» como esta desde que empezou o traslado do antigo hospital ao novo Lucus Augusti.
Por certo, ao recibir a tempo o aviso de que a cita fora enviada á casa equivocada, o servizo de radioloxía do hospital tivo marxe para avisar ao paciente ao que de verdade ía dirixida. Segundo Sanidade, esa persoa foi ao hospital a facerse a ecografía o mesmo día 22 para o que estaba prevista desde un principio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario