13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





7 ene 2011

Pablo Vaamonde: “O catálogo galego de xenéricos só é unha montaxe publicitaria”

Xornal.com


“A Xunta trata de camuflar a gran redución de fondos en sanidade cunha campaña apoiada por algún medio”.

A Xunta e o Ministerio decidiron botar un pulso por mor dos medicamentos xenéricos e o aforro no gasto farmacéutico que parece non vai ter un desenlace sinxelo. O Pleno do Parlamento galego, cos votos a favor de PP e BNG, puxo en marcha a Lei de Racionalización do Gasto na Prestación de Farmacia, pola que se impulsaría un catálogo de medicamentos que primaría os xenéricos e que estaría subvencionado pola Seguridade Social. Este catálogo sería máis reducido que o que existe no conxunto de España, e aínda que mantería todos os principios activos, desbotaría moitos fármacos que ata agora contaban con subvención. O Ministerio de Sanidade xa anunciou a interposición dun recurso ante o TSXG. A Administracion galega aduce que todo o que fai vai na busca dun aforro considerable, aínda que para o médico e escritor Pablo Vaamonde o único que pretende é camuflar as reducións orzamentarias en sanidade mediante “unha gran montaxe propagandística orquestada co apoio dun medio de comunicación”. Este profesional é médico de familia no barrio coruñés de Labañou e foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas durante o bipartito.

Vostede, que é médico de profesión, non está dacordo co catálogo galego de xenéricos impulsado pola Consellería de Sanidade. Non avogar polo catálogo é estar en contra dos xenéricos como fai pensar a Xunta?
Defender os xenéricos é o que ten que facer calquera que defenda a sanidade pública. Os xenéricos son medicamentos seguros cuxa proba de equivalencia con outros de marca está máis que aseverada. Facer críticas a este catálogo da Xunta non é ir en contra dos xenéricos. Eu deféndoos e hai anos que os utilizo e prescribo. Agora ben, este catálogo que se aprobou no Parlamento o día 22 e que o Consello da Xunta puxo en marcha dende o día 3 o que fai é que non retira ningún principio activo pero si se retiran do financiamento público varias ducias de fármacos. Hai varios moi coñecidos e de uso moi habitual que se retiran como o Neobufrén, o Augmentine, o Orfidal, o Dianben, Norpramin... Todos estes son fármacos de uso moi habitual que, coa aparición deste catálogo, quedan fóra da prescrición pública. Aquel paciente que os estivera tomando ou admite utilizar un xenérico que ten o mesmo principio activo ou ten que pagalo do seu peto.

Que problemas trae, na súa opinión, que a Xunta retire do catálogo de fármacos subvencionados algún de uso moi habitual?
O catálogo retira unha serie de marcas comerciais da vida pública. Isto, en principio, non ten nada de malo a nivel de saúde, xa que os principios activos se manteñen. Non obstante, o que si ocorre é que pode traer consecuencias para determinadas persoas, sobre todo anciáns, que están afeitos a tomar sempre as mesmas pastillas, no mesmo cartón. Identifican o fármaco pola cor, pola forma ou pola caixa, co que o seu cambio pode carrexar algún que outro problema.

Din ademais as voces que están en contra do catálogo de Farjas que esta normativa é discriminatoria. Por que motivo?
É discriminatorio en tanto que os galegos quedan nunha situación negativa con respecto aos pacientes do resto de comunidades. Co catálogo de Farjas vanse retirar do financiamento público, e non se van poder sacar pola Seguridade Social, unha serie de medicinas que no resto de España si se van seguir prescribindo.

A última tirada neste xogo de cartas dos xenéricos deuna o Ministerio de Sanidade, que decidiu recorrer o catálogo de medicamentos da Xunta unha vez foi publicado no DOG. Que lle parece a actuación do Executivo central neste asunto?
Efectivamente, o Ministerio de Sanidade xa avisou de que ía recorrer este catálogo, co que supoño que as entidades xurídicas decretarán dentro de pouco a súa suspensión cautelar. Farano porque estamos nun estado de dereito e cada administración ten a súa capacidade para lexislar. As comunidades autónomas non poden lexislar sobre políticas estatais que non son da súa competencia. A competencia para fixar o número de medicamentos que son financiados pola Sanidade Pública é algo que depende do ministerio. Se Galicia quere facer un catálogo máis restritivo o mecanismo non é o que utilizou. Non pode aprobar unha lei no Parlamento sabendo que non pode facelo. Tampouco pode impoñelo e logo dicirlle ao ministerio que o seu modelo é o bo e o que deben copiar.

Logo, que tería que ter feito a consellería para impulsar este catálogo mediante unha fórmula legal?
Os pasos que debería ter dado, os pasos legais, serían os de levar a súa proposta ao Consello Interterritorial, que é onde se reúnen os representantes de todas as comunidades autónomas. De ser apoiada a súa proposta polo resto dos territorios, esa medida se aceptaría. Por tanto, quero que quede claro que criticar este decreto non quere dicir que se critiquen os xenéricos. En Andalucía, por exemplo, lévannos moitísimos anos de adianto en canto ao uso de xenéricos e tamén na implantación da receita electrónica.

Vostede, que traballou coa ex conselleira de Sanidade María José Rubio durante o bipartito sempre louva a receita electrónica.
Agora mesmo, a Xunta de Feijóo gábase da implantación da receita electrónica, que está xa case ao 98%. Non obstante, obvian que a receita electrónica foi posta en marcha polo bipartito pasando moitos traballos, e que os anteriores gobernos do PP nunca fixeron ningún esforzo neste tema: nin por potenciar a receita electrónica nin por potenciar o uso de xenéricos. O Goberno de Touriño fixo un gran esforzo para implantar o programa Ianos, para levar a receita electrónica a todas as consultas e dar a posibilidade de prescribir por ordenador. Por que é tan importante esta ferramenta? Pois ben, agora cada vez que os médicos que estamos nunha consulta e queremos prescribirlle un fármaco a un paciente aparécenos na pantalla o listado completo de medicamentos de cada principio activo, o cal, se estamos especializados nas boas prácticas de prescrición, o que faremos será escoller aqueles que sexan máis baratos tanto para o paciente como para o sistema sanitario.

Na súa opinión, calquera profesional dábase conta de que o catálogo de medicamentos xenéricos que estaba impulsado a Xunta non era legal, precisamente porque non tiña potestade para facelo. Entón, por que teiman en levalo adiante?
O ministerio non pode facer outra cousa que presentar un recurso, xa que vai en contra da igualdade dos cidadáns e do principio de equidade dos cidadáns de cara á Sanidade. Se o ministerio non o fixera sería admitir que as comunidades poden ofertar catálogos de fármacos diferentes segundo queiran. Non lle queda máis remedio. Por outro lado, entendo que o actual presidente sabe de Sanidade, xa que estivo na consellería con Romay. Tamén entendo que Pilar Farjas sabe moito de Sanidade, xa que foi funcionaria moitos anos e traballou outros moitos na consellería, polo que sabían o que ía pasar.

Pero entón, repito: por que cre que desde a Xunta levaron adiante este catálogo? Por que decidiron arriscar nun tema que, según vostede, tiñan perdido de antemán?
Aquí o único que hai é unha grande montaxe propagandística. Saben con certeza, porque de feito xa foron avisados de antemán, de que este catálogo non pode ser aplicado. Eu o esquema que fago é o seguinte: por primeira vez no Estado da Autonomía Feijóo rebaixou o orzamento de Sanidade. Feijóo chegou á Xunta dicindo que ía aplicar políticas de austeridade pero que non ía tocar as bases do Estado de Benestar, algo que é mentira. Como houbo unha redución do orzamento para Sanidade, agora pretenden buscar lugares de aforro. Queren reducir no catálogo de medicamentos sabendo que non o poden levar a cabo para logo dicir que con esta medida se aforrarían 100 millóns de euros ano pero que non lles deixan dende Madrid. Eles saben que a autonomía non é competente. Nos meses previos houbo unha campaña mediática moi intensa apoiada por algún medio de comunicación, como La Voz de Galicia, no que se viñan misturando a defensa dos xenéricos coa defensa do catálogo, cando para nada é o mesmo. Igualmente, tamén se publicaron unha serie de reportaxes e noticias nas que se poñía en entredito a ética dos médicos, cuestionando se receitaban determinados medicamentos por influencia da industria farmacéutica. Todo isto foi creando un caldo de cultivo que agora culmina coa Xunta dicindo que eles queren aforrar en farmacia porque son grandes defensores da Sanidade Pública pero que é o Goberno central o que non os deixa. Aquí o que hai é unha montaxe propagandística e publicitaria. Non se quere atallar o gasto farmacéutico, xa que para iso hai que apostar por políticas máis rigorosas. É todo unha gran falacia.

Séntense os profesionais galegos da Sanidade atacados por esta actuación da Xunta de Galicia?
Non sei se se senten máis ou menos atacados, pero dende logo a ninguén lle gusta que mintan sobre el. Non é bo para a consellería nin para o Sergas, se queren levar a cabo políticas de gasto farmacéutico. O que teñen que facer é estar do lado dos profesionais, buscar unha colaboración positiva e non esta. Eu estiven na Administración e sei como funcionan estes temas e o que se fixo aquí non foi normal, non foi o camiño correcto. Dende o principio, a Xunta levou este tema cunha actitude moi belixerante. Sinceramente, creo que o BNG errou ao apoiar esta iniciativa no Parlamento.

Cal pensa que vai ser o desenlace desta polémica creada polo catálogo dos xenéricos?
Todo acabará porque en breve plazo, o Ministerio presentará o seu recurso e os tribunais de Xustiza terán que presentar un recurso cautelar á norma. Este catálogo quedará aparcado e con toda seguridade non se poderá aplicar, salvo que a Administración galega dea uns cantos pasos atrás.

   

No hay comentarios:

Publicar un comentario