La Voz de Galicia
Coñecerán exemplos do mesmo xoguete con prezos distintos segundo a tenda, do mesmo xeito que diferentes prezos dun mesmo produto en distintos supermercados. A persoa que en tempos de crises xestione as finanzas do fogar recibirá os nosos encomios se compra cada produto no lugar máis alcanzable. Estamos a asistir a un exemplo idéntico co debate do catálogo de medicamentos aprobado polo Parlamento galego. Antes de nada, unhas aclaracións:
1. Os medicamentos son aprobados cun prezo superior ao da súa fabricación, que se mantén durante 10 anos, para amortizar o custo de investigación. Aínda que non todos os medicamentos teñen unha custosa investigación ou son realmente unha mellora en comparación cos existentes.
2. Pasados 10 anos, o seu prezo como xenéricos baixa ao de razoable beneficio.
3. Algunhas firmas manteñen o prezo alto xa que, aínda que perdan tratamentos, a marxe de beneficio é moito maior.
4. Está demostrado que os produtos son idénticos, esta discusión non é admisible farmacológicamente falando, a pesar dalgunhas informacións contraditorias interesadas.
5. Algúns produtos son comercializados por moitas empresas, pero non hai tantas fábricas, moitos deles saen da mesma.
6. A liberdade de prescrición do médico é para elixir o medicamento máis adecuado, non as cores da caixa. Por iso os colexios médicos están a favor da norma.
A cuestión presenta diferentes puntos de vista. O científico non admite debate. Mesmo medicamento, mesmo efecto, igual resultado. Un científico nin entraría na discusión. Desde o punto de vista comercial as empresas que fixan uns prezos maiores intentan conseguir maiores beneficios pero se arriscan a perder vendas. Son leis do libre mercado. O laboratorio, tras facer os seus cálculos, pode decidir manter prezos máis altos, é a súa decisión e o seu risco. Fíxense que os laboratorios de marca teñen a honestidade de non argumentar que os medicamentos xenéricos non fan o mesmo efecto. O mesmo sucede coa rede de farmacias e distribuidores. Os seus beneficios son a porcentaxe, a maior prezo maior beneficio. Por isto recorrerán a norma, aínda que apelen a argumentos de defensa do paciente.
No punto de vista político, tras a aprobación da norma, vemos que o Ministerio de Sanidade decidiu impugnala por xerar «desigualdade entre os cidadáns de Galicia e os doutras comunidades».
Melloras co aforro
E ten razón o ministerio. Toda. Mentres en Galicia un paciente que consome medicamentos por valor de 600 euros ao ano vai recibir o mesmo tratamento por 400 e o Sergas vai dispor doutros 200 para unhas benvidas melloras da nosa sanidade, os cidadáns doutras comunidades van ver gastados os 600 nos mesmos medicamentos sen dispor de cantidade algunha para esas melloras. E iso é pura e chaira desigualdade.
Con estas evidencias, o progresivamente desprestixiado Ministerio de Sanidade anuncia a impugnación do proxecto galego, abundando aínda máis na desigualdade por non impugnar proxectos similares doutras comunidades. Explícome. O País Vasco e Cantabria, por exemplo, substituíron algúns medicamentos hai meses. Para o ministerio, facelo cun ou varios medicamentos non é desigualdade, pero facelo cun par de ducias si.
De feito, anúncianse problemas cos conselleiros de Saúde das comunidades afíns ao ministerio, que non ven moi ben iso de contrariar a Galicia á conta de non poder aforrar en gasto tendo un catálogo como o noso. Faría ben o ministerio e os políticos que se apuntan ás súas teses en copiar o proxecto ou intentar pensar nalgún útil. Que moitas medidas de recorte sobre os cidadáns vemos, pero poucas de recorte de gasto na Administración.
Para rematar, o punto de vista social. Os profesionais da sanidade vemos que a maioría dos pacientes comprenden estas medidas. Será que son máis maduros que algúns gobernantes. Está claro que a día de hoxe os galegos debemos felicitarnos, a pesar dalgúns e por unha vez, a desigualdade favorécenos. Nós estamos mellor.
O ministerio non impugnou proxectos similares noutras comunidades
No hay comentarios:
Publicar un comentario