Os responsables de Comisións Obreiras no hospital de Monforte negan utilizar con fins políticos o caso do patólogo que deixa o centro para irse a Segovia. Os portavoces desta central recordan que non teñen dependencias políticas de ningunha clase e aseguran que se denunciaron o caso foi polo que representa de exemplo da precariedade laboral que sofren moitos especialistas médicos no hospital de Monforte.
«Son os contratos lixo mes a mes, ou menos, os que fan que os especialistas médicos emigren cara a outras comunidades en busca de estabilidade laboral», aseguran en CC.OO. Este sindicato insiste en que este é o caso do patólogo, «que ante unha oferta dun contrato continuado en Segovia abandona o centro, quedando o servizo cunha soa praza cuberta das dúas que existen». Por iso, insisten, decidiron facer público o caso. E fixérono, aseguran, despois de falar co especialista, que o xoves negou ter contacto algún con CC.OO.
Triste retroceso
Para rematar, CC.OO, insinúa que se o afectado dixo o que dixo pode ser porque foi presionado para facelo. «É triste o retroceso que estamos a sufrir nas relacións laborais coa actual administración -aseguran os representantes deste sindicato no hospital-, onde volve imperar o medo e as ameazas veladas de non volver traballar se alguén alza a voz en defensa dos seus dereitos»
No hay comentarios:
Publicar un comentario