Coa vista posta na tesoirada catalá, a Xunta esgrime un plan ordenado de racionalización que en Galicia opera "desde o minuto 1 da lexislatura". A "responsabilidade na xestión" que defende Farjas esconde para os críticos "un negocio lucrativo"
Galicia Hoxe
O crecemento sostido do gasto sanitario, asociado ó éxito clínico dunha asistencia cada vez máis capaz, choca agora cunha crise financeira que impón o aforro e obriga a pisar o freo. A urxencia nos plans de axuste da Generalitat sitúa o foco en Cataluña, pero todas as autonomías iniciaron medidas para conter unha factura, a sanitaria, que absorbe entre o 30 e o 40% dos seus orzamentos. As contas para a sanidade das CCAA baixaron en 2011 unha media do 4,1% (-4,9 en Galicia) e a xestión dos recursos cobrou un novo protagonismo, empuxando as autonomías a explorar fórmulas de aforro.
En Galicia, a Consellería de Pilar Farjas asiste ó reaxuste catalán coa seguridade de actuar con previsión "desde o minuto un da lexislatura". No verán de 2009, catro meses despois da toma de posesión do novo Goberno, Sanidade apostaba por elevar o rendemento do horario ordinario nos hospitais do Sergas e anunciaba a reorganización da actividade extraordinaria de tarde. A limitación imposta ás horas extra -o primeiro ano de aplicación pecharía cun balance de 6.844 cirurxías menos se acompañaba por unha xestión das listas por prioridade clínica, que a principios de 2010 traducíase nun repunte de nove días no tempo medio de espera. "Non queremos xestionar medias aritméticas, senón pacientes de acordo á gravidade da súa patoloxía e as súas circunstancias clínicas e sociais", explicaba a conselleira insistindo en que chegara o momento de xestionar cada euro.
No seu primeiro verán á fronte da Consellería, Farjas iniciaba tamén unha campaña graduada de promoción dos medicamentos xenéricos (equivalentes ás marcas innovadoras pero máis baratos por non estar suxeitos a patente), que a finais de 2010 se completaba co catálogo priorizado de medicamentos -recorrido polo Goberno estatal e paralizado preventivamente polo Tribunal Constitucional-, nunha aposta decidida por concentrar o financiamento público nas versións máis eficientes de 34 grupos de medicamentos equivalentes, avalada por unha lei do Parlamento autonómico.
A xestión de Sanidade nos dous anos e medio de Goberno do PPdeG incluíu tamén unha aposta pola captación de capital privado como ferramenta para revitalizar o sector e non frear a construción de infraestructuras, e a redefinición dos proxectos do Bipartito para os novos hospitais de Pontevedra e Vigo. A unión de empresas liderada por Acciona e Puentes e Calzadas recibía a comezos de ano o proxecto do hospital de Vigo, o primeiro que en Galicia recorrerá á fórmula do pago aprazado xa rodada en Madrid ou Valencia.
É certo, coincide a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública (ADSP), que en Galicia os plans de contención do gasto sanitario arrincaron antes que en Cataluña e transcorren de modo ordenado, pero a ollos desta plataforma -convocante da manifestación de novembro de 2010 contra a intervención de capital privado na construción dos centros sanitarios e a deterioración do sistema público-, o obxectivo destas actuacións non é a sustentabilidade do sistema público, senón a súa "descapitalización".
"En Cataluña estase falando de pechar quirófanos pola tarde, pero é que aquí xa vivimos ese peche coa escusa da perversidade do sistema de peonadas; vimos a non renovación de traballadores hospitalarios, a paralización do Plan de Mellora da Atención Primaria, a supresión de gardas de presenza física de Radioloxía nos hospitais comarcales, a cesión de servizos de diálese a unha fundación privada, o atraso da construción dos hospitais de Vigo e Pontevedra -que pasarán a custar catro veces máis que nos plans do Bipartito ó dar entrada ó capital privado- ou a paralización dos plans directores de Ourense, Santiago ou A Coruña", apunta Manuel Martín, médico de familia do Sergas. "O problema é que está claro o que se pretende: facer da sanidade pública un negocio lucrativo", sentencia.
Un déficit duns 15.000 millóns
As administracións fiscais esixen recortes rápidos e a orde -sostén un informe elaborado por PwC coa coordinación dos exministros de Sanidade Ana Pastor e Julián García Vargas- aplícase agora a un sector, o sanitario, historicamente marcado "por un certa desconsideración cara ó orzamento" e "un certo abuso do carácter de ben preferente". O documento cifra o déficit da sanidade entre o 10 e o 15% dos orzamentos asignados polas comunidades (uns 15.000 millóns de euros).
As administracións fiscais esixen recortes rápidos e a orde -sostén un informe elaborado por PwC coa coordinación dos exministros de Sanidade Ana Pastor e Julián García Vargas- aplícase agora a un sector, o sanitario, historicamente marcado "por un certa desconsideración cara ó orzamento" e "un certo abuso do carácter de ben preferente". O documento cifra o déficit da sanidade entre o 10 e o 15% dos orzamentos asignados polas comunidades (uns 15.000 millóns de euros).
No hay comentarios:
Publicar un comentario