O alcalde cita a unha reunión a representantes políticos e sociais
La Voz de Galicia
O alcalde de Monforte non foi ata agora moi
explícito sobre o contido da súa reunión deste martes coa conselleira de
Sanidade. O Concello ventilou o asunto aquel día cun comunicado que
describía os asuntos abordados, pero Severino Rodríguez non fixo aínda
declaracións públicas nin unha valoración detallada sobre esta cuestión.
Faraas o xoves, porque onte anunciou a convocatoria dunha reunión no
Concello aberta á participación de partidos políticos, organizacións
empresariais, sindicais e profesionais e representantes dos veciños das
parroquias.
A esta convocatoria serán invitados todos os
alcaldes pedáneos, os portavoces dos grupos municipais. Os portavoces
municipais afirman que o obxectivo é que os representantes dos veciños
reciban información directa sobre as respostas da conselleira ás dúbidas
que tivo pensado o alcalde sobre o futuro do hospital de Monforte e a
súa área sanitaria. De acordo con esta información, non está previsto
que desta reunión xurda ningunha proposta concreta de actuación.
Tras a súa reunión con Rocío Mosquera en
Santiago, Severino Rodríguez reuniuse o xoves con representantes da
plataforma en defensa da sanidade pública. Portavoces desta entidade
adiantaron onte a súa propia valoración sobre a entrevista entre a
conselleira e o alcalde, baseada na información que este último lles
facilitou persoalmente.
E
n nome da plataforma, Maribel García puxo o
acento nas incongruencias nas que, ao seu xuízo, incorreu a conselleira.
Por exemplo, cando lle dixo ao alcalde que as novas áreas sanitarias
integradas chegarán á provincia de Lugo cando se comprobe o nivel de
eficacia das que xa están a funcionar. Maribel García recordou onte que o
presidente da Xunta prometeulles persoalmente hai dous anos que
Monforte tería unha xerencia de atención integrada propia e
independente. «Non imos aceptar que a conselleira pretenda desdicir ao
presidente dá Xunta», advertiu.
O mamógrafo dixital
De igual xeito, pregúntase se mente a conselleira
agora ao anunciar un próximo concurso para comprar un mamógrafo dixital
para o hospital de Monforte ou o presidente provincial do PP, José
Manuel Barreiro, cando anunciou o ano pasado que Sanidade acababa de
adquirir un.
A plataforma convocou nos últimos dous anos
diferentes mobilizacións e asembleas en defensa da área sanitaria. A
última foi unha concentración a mediados de maio á que asistiron mil
persoas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario