13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





31 dic 2010

Os médicos comezarán a receitar os fármacos do catálogo este luns

As farmacias poderán dispensar medicamentos de fóra do listado en caso de desabastecemento ata o próximo 16 de xaneiro

Apenas tres días. Este é o tempo que terán os facultativos para asimilar o novo catálogo de fármacos de Galicia, aprobado onte polo Consello da Xunta e que comezará a aplicarse o próximo luns. Desde o 3 de xaneiro, os médicos galegos deberán restrinxir a súa prescrición a opción máis barata para os 34 principios activos que recolle este listado. Pola súa banda, as farmacias poderán dispensar outra opción de fóra deste listado en caso de desabastecemento ata o 16 de xaneiro.
Tras aprobarse no Parlamento galego hai dúas semanas e dous días despois da entrada en vigor da Lei de Racionalización do gasto farmacéutico, o Goberno galego presentou onte o listado, co que pretende reducir o gasto en menciñas –que na actualidade ascende ata os 1.200 millóns de euros segundo informou onte o presidente– nuns cen millóns de euros cada ano.
Este primeiro listado de medicamentos propio de Galicia foi aprobado hai dous días pola Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica e nel se restrinxe a prescrición á opción máis barata para 34 dos máis de mil principios activos presentes no Noménclator nacional. Para o resto dos casos, os médicos manteñen todas as presentacións dos medicamentos dispoñibles para receitar a que consideren máis axeitada.
O catálogo, aprobado na Cámara galega co apoio do BNG, mantén a ameaza de recurso por parte do Ministerio de Sanidade, posto que segundo censura o PSdeG e a patronal do sector Farmaindustria, reduce o Nomenclátor estatal, incumprindo así a Ley de Garantías. Os defensores do listado galego manteñen pola contra, que se respectan todos os principios activos, é dicir, os compoñentes principais de cada preparado.
A aprobación deste catálogo e a súa entrada en funcionamento o próximo 3 de xaneiro, podería supoñer un problema de dispensación nas oficinas de farmacia. Así, a Xunta prevé que os farmacéuticos non teñan na botica unha menciña concreta deste listado, polo que admite a posibilidade de dispensar unha marca diferente a incluída no catálogo ata o próximo 16 de xaneiro.
Esta posibilidade tamén queda incluída entre as excepcións que mantén a norma e que permiten o financiamento doutros fármacos no caso de desabastecemento nas boticas. Así, os facultativos tamén poderán prescribir outras opcións no caso de que un paciente manteña intolerancia a algún dos excipientes das presentacións dos principios activos seleccionados pola Xunta.
Ao termo do Consello da Xunta, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que os galegos seguirán recibindo “as mesmas prestacións” sanitarias que ata o momento e que teñen “garantido” o financiamento de todos os principios activos incluídos no catálogo nacional de medicamentos. Os grupos farmacéuticos que se inclúen estarán na web, sinalou o mandatario galego, e destacou que se inclúen no catálogo os fármacos “que se consumen con moita frecuencia” e “con prezos moi contrastados”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario