13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





2 jun 2011

O Valedor di que a austeridade de Feijóo xa deriva en recortes sociais

>> O informe ve "esaxerada rixidez" no axuste en comedores e transporte escolar, que para a Xunta son "gasto excesivo"
>> Educación encabeza o rexistro de queixas, nas que volve destacar a dilación no pagamento das axudas e servizos da Lei de Dependencia

Xornal de Galicia


“De cada 100 euros que gastaba o bipartito en política social, nós gastaremos dous euros máis” ou “non baixamos o gasto social, é aforro de gasto”. Con estas afirmacións, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, defendían, respectivamente, o carácter “social” dos Orzamentos galegos para 2010 e 2011. O gasto social, isto é, o destinado a sanidade, educación e benestar, quedaba “blindado” no medio da crise, nun contexto no que “tres de cada catro euros”, insistían, ían dedicados a tal fin. Unha vez traspasado o ecuador da lexislatura e a piques de comezarse a elaborar as contas para 2012, o Valedor do Pobo vén de presentar o seu informe correspondente a 2010, isto é, o primeiro ano completo cos populares á fronte do Goberno. Da súa lectura é posible deducir que, ao contrario do afirmado polos responsables gobernamentais, a crise si derivou en recortes sociais, xa sexa en forma de “restricións” ou de “atrasos”, especialmente nas áreas que dependen de Educación e Benestar.
No informe, que o titular da institución, Benigno López, entregou onte no Parlamento, fálase abertamente de “restriccións orzamentarias” no sistema educativo público, con prestacións recortadas “ a consecuencia da crise, o que se traduce na necesidade de acometer unha fonda mellora da eficiencia no gasto educativo”, di o Valedor.
Neste sentido, o informe detense especialmente nas dificultades polas que atravesan prestacións complementarias á propia educación, coma os comedores ou o transporte escolar, servizos que, segundo López, a Xunta “percibe como un gasto excesivo”, o que leva ao departamento que dirixe Jesús Vázquez a “aplicar cunha esaxerada rixidez” os criterios para ofrecer estas prestacións, por exemplo, as normas que rexen para que un neno teña dereito a que o autobús o recolla na súa casa.
Así, o informe do Valedor salienta que a Xunta “tivo que enfrontarse a unha diminución dos seus recursos e, en ocasións, non distinguiu aquilo que é esencial en materia de educación fronte a prestacións accesorias” do sistema educativo, e lémbralle que “as restricións orzamentarias deben afectar á educación como última alternativa”. Do mesmo xeito, ante as queixas recibidas por parte dos cidadáns, o informe detalla que a consellería debe garantir o comedor ou o transporte “cando sexa necesario para unha escolarización en condicións axeitadas”.
Unha diagnose igualmente negativa chega do Valedor cando a materia tratada é o transporte escolar, un servizo cuxa “profunda reordenación” considera “inaprazable” para evitar casos coma os dunha nena de sete anos, cuxa familia reclamou que o autobús escolar se detivese diante da súa casa, xa que “o autocar ten que facer necesariamente ese traxecto” e a parada “non modifica a ruta” nin aumenta o seu tempo. Neste caso concreto, o Valedor aludiu factores coma “falta de beirarrúas, falta de iluminación” ou “tráfico intenso”. “Sorprende que a Administración non considere calquera destes motivos como un elemento razoable para establecer o servizo e tenda a tratalos como esaxeracións ou argumentos de presión”, conclúe.

DEPENDENCIA E SANIDADE
Xunto a Educación, outro dos departamentos do Goberno que sae especialmente mal parado no informe do Valedor é a Consellería de Traballo e Benestar, especialmente no referido á aplicación da Lei da Dependencia. Denuncia o Valedor que, á hora de valorar as persoas dependentes e de facer efectivas as súas prestacións, os procesos seguen a ser “desproporcionadamente longos” e, en máis dunha ocasión, o departamento que dirixe Beatriz Mato alega “dificultades orzamentarias”.
Nun dos treitos máis extensos do informe, o Valedor chega a afirmar que as respostas da Consellería para xustificar atrasos “non se axustan á lóxica”, nun contexto no que, por exemplo, seguen a producirse “abundantes casos de falecemento antes da aprobación da prestación ou servizo”, algo que o PP converteu en cabalo de batalla dende a oposición”. Neste caso, o Valedor lembra a obriga da Xunta de abonar á familia do falecido a axuda correspondente. Non facelo, di, sería “premiar o seu mal funcionamento” .
A análise da parte social do Goberno no informe do Valedor complétase coa Sanidade, área na que, salvo casos concretos, como a saturación dunha consulta pediátrica en Arteixo, as queixas se centran esencialmente no alto volume das listas de espera, que encabezan un ano máis as reclamacións cidadás nesta área.

No hay comentarios:

Publicar un comentario