La Voz de Galicia
O Goberno e a Xunta sentaron onte as bases para alcanzar un acordo que permita a retirada do recurso de inconstitucionalidade que o Executivo presentou contra o catálogo priorizado de medicamentos aprobado en Galicia. Para iso, segundo o Goberno, a Xunta terá que introducir cambios na norma para adecuala ao marco competencial autonómico. Tras varios intentos infrutuosos, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, reuniuse onte coa ministra de Sanidade, Leire Pajín, para explicarlle o funcionamento do catálogo e o aforro conseguido na factura de medicamentos en Galicia, que ascende a 4.671.000 euros só entre o l e o 18 de febreiro.
Segundo sinalou a conselleira ao termo do encontro, a ministra propuxo a creación dun mesa de traballo dos servizos xurídicos do Estado e da Xunta para buscar unha solución que permita «traballar conxuntamente evitando avanzar en litixios xurídicos».
O recurso mantense
O Goberno, segundo o secretario xeral de Sanidade, José Martínez Olmos, segue considerando que o catálogo invade competencias do Estado e por iso o recurso «segue sobre a mesa». No entanto, explicou que, no caso de que se atopase unha solución xurídica para axustar o catálogo ao marco competencial da Xunta, poderíanse tomar «outras decisións», en alusión á posible retirada do recurso.
A pesar de finalizar sen acordo, a reunión supuxo un avance xa que desde o Goberno xa non se cuestiona a eficacia terapéutica do catálogo e a discusión céntrase exclusivamente nunha «discrepancia competencial», segundo admitiu Martínez Olmos, que expresou a «vontade de dialogar» por parte da ministra. Ao que non está disposto en ningún caso o Executivo é a que a solución pase por aplicar en toda España a medida aprobada pola Xunta para evitar así calquera discriminación. «Esa non é a solución», afirmou o secretario xeral. A Xunta está á espera de que Sanidade fixe a reunión dos servizos xurídicos que permita manter en Galicia a aplicación dun catálogo que, segundo Farjas, «está a demostrarse como un instrumento eficaz».
- Unha medida que se coñeceu en agosto e está en vigor desde o pasado 3 de xaneiro
- Reaccións Pilar Farjas, conselleira de Sanidade | José M. Olmos, Secretario Xeral de Sanidade
No hay comentarios:
Publicar un comentario