13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





10 ene 2011

Unha nova burbulla na economía

O futuro está hipotecado por mor da burbulla inmobiliaria e a especulación financeira, só se salvan desta noxenta situación, que esmaga a maioría da sociedade, unha minoría de privilexiados, en boa medida os mesmos que nos levaron a esta crise económica.
No ano 2010 os membros dos consellos de administración aumentaron os seus ingresos un 8,3% e o capital das empresas que forman parte do IBEX35 medrou nun 8,6%. Para esta faixa da sociedade non hai crise, aínda que despois, co máximo cinismo, esixan rebaixas nos salarios e redución nas prestacións públicas. As vías tomadas para a recuperación son unha lousa sobre as clases populares, reduce o consumo e impide a creación de emprego.
Na Galiza estamos vivindo esta grave situación baixo a batuta de Núñez Feijóo e un goberno que, xordo a calquera protesta ou suxestión, está alimentando unha nova burbulla, hipotecando os orzamentos dos vindeiros 25 anos. A construción de novos hospitais, centros de saúde, e outras obras públicas moi custosas, con cartos privados, vai dinamizar a actividade do sector da construción, evitando ­unha reestruturación e a queda da renda nacional galega, mais só por algún tempo porque non responde á realidade, e o máis grave: adiando unha recuperación sostíbel. Tampouco se pode ignorar que se fai a costa de privatizar unha parte significativa da xestión, haberá un peor servizo aos cidadáns (segundo os especialistas), e terá uns custes que semellan excesivos e non están abondo xustificados e clarificados. No hospital de Vigo pasouse dun investimento de 360 millóns a outro de seica máis de mil millóns. A diferenza é moi grande, como para que non deixe un pouso de sospeitas.
Para xustificar este enorme gasto dise que as obras son necesarias, e é verdade, como en tantos outros temas. Por exemplo, tan urxentes como estes novos hospitais (que substitúen aos existentes) son as axudas ás persoas dependentes, que hipotecan a vida de milleiros de familias (e a moitas mulleres). En todo caso, haberá que facer en función da capacidade real. O argumento de que se van realizar con cartos privados é unha falacia, xa que todos teremos que pagar a construción nos vindeiros anos. E, ademais, neste caso será un investimento con moito recargo, para lucro das empresas beneficiadas e desgraza dos contribuíntes galegos.
O asunto a min chéirame mal. E postos a teorizar, coido que se están utilizando os cartos públicos exclusivamente para beneficiar certos grupos empresariais, e que se empurra o sistema de saúde cara a súa privatización total ou parcial, co argumento de que pagar no futuro as contas será imposíbel. E para chegar a ese punto nada mellor que dar folgos a unha nova burbulla. Hipotecar a economía e o sistema de saúde son palabras maiores, porén todo fai pensar que esa é a estratexia.

   

No hay comentarios:

Publicar un comentario