13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





29 dic 2010

Aforro sanitario: Os distribuidores cargan contra o catálogo de fármacos galego

Fedifar cre que a norma aprobada no Parlamento discrimina os pacientes respecto das doutras comunidades e xera un "serio risco de desabastecemento"

Critican ademais que, ao non marcar os prazos de aplicación, "non deixa marxe de manobra" para a actividade dos almacéns 

 

A Federación de Distribuidores Farmacéuticos (Fedifar), integrada por 52 empresas cunha cota de mercado por encima do 95 %, expresou o seu "rexeitamento frontal" á lei aprobada polo Parlameto de Galicia de racionalización do gasto farmacéutico pola que se creará un catálogo de medicamentos que prioriza aos de menor prezo.
Segundo resalta nun comunicado, esta norma "fixa un catálogo de medicamentos financiados e discrimina os pacientes desta comunidade respecto dos doutras" que, engade, "si poden acceder a todos os medicamentos financiados polo Sistema Nacional de Saúde e aprobados polo Ministerio de Sanidade".
"Coa medida da Xunta haberá pacientes que non poidan seguir o seu tratamento actual, pois o seu medicamento quedará fóra do catálogo de financiados", advirte. "A cambio, os pacientes recibirán un medicamento alternativo que podería cambiar cada dous meses, período mínimo de vixencia do catálogo segundo a lei galega. Isto compromete a adherencia ós tratamentos, sobre todo nos maiores polimedicados", agregan no comunicado.
Ademais, avisan do "serio risco de desabastecemento" que podería, ó seu xuízo, provocar a entrada en vigor da norma. "A lei non recolle prazos de aplicación do catálogo, aínda non publicado pola Xunta, o que non deixa marxe de manobra ós almacéns para garantir a subministración do mercado", sinalou a Federación de Distribuidores Farmacéuticos, onte.
Nesta mesma liña, recordan que industria, distribución e oficinas de farmacia se atopan nun proceso de cambio de prezos dos medicamentos pola aplicación da orde de prezos de referencia nacional publicada o pasado 26 de novembro. "Isto supón que, agora, hai laboratorios que están baixando o prezo dos seus produtos, co que o catálogo introduce máis confusión entre os axentes, o que leva maior risco de faltas de subministración", manifesta.
Doutra banda, para Fedifar, "estas medidas unilaterais" da comunidade "van provocar inequidades" na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde (SNS), en canto a que medicamentos terá ou non dereito o paciente segundo o seu lugar de residencia.
Por iso, Fedifar pídelles ás comunidades que usen o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e o diálogo cos axente da cadea do medicamento "para acordar medidas estruturais para racionalizar o gasto farmacéutico que incidan sobre a demanda" -hábitos de consumo de fármacos, pautas de prescrición, hábitos de vida saudable e outras-, "non sobre a oferta, xa suficientemente comprometida"
"E Galicia é unha máis das comunidades que está aprobando ou propondo iniciativas para recortar a factura pública en medicamentos á conta dos dereitos dos pacientes e da deterioración irreversible das empresas do sector", resalta.
A federación destaca que estas empresas, entre as que se inclúen os distribuidores farmacéuticos de gama completa, "son das maiores investidoras en España en I+D, pioneiras na adopción de novas tecnoloxías para un mellor servizo ós pacientes e xeradoras de emprego estable e cualificado".
Tamén indica que as empresas do sector da distribución farmacéutica "xa se viron afectadas este ano" polos dous Reais Decretos (4/2010 e 8/2010) aprobados polo Goberno central para recortar a factura pública en medicamentos, "que deterioraron unha vez máis a economía das empresas de distribución, industria e oficinas de farmacia", conclúen no comunicado.

O ministerio estuda o contido antes de decidir se o recorren
O Ministerio de Sanidade está estudando a iniciativa do catálogo galego para "ver que contén" e determinar "se invade competencias" e decidir, se a recorre, segundo afirmaron onte, en declaracións á axencia Europa Press.
O día 21 pasado, cos votos favorables do PPdeG e mais do BNG, o Parlamento galego deu luz verde á proposta de lei pola que se creará o catálogo priorizado de medicamentos no ámbito da comunidade galega.
Os socialistas, que se abstiveron na votación do informe do relatorio na comisión parlamentaria anterior, decantáronse polo "non" a esta iniciativa lexislativa e manteñen as súas dúbidas sobre as "competencias" de Galicia para impulsar normativa.



 

No hay comentarios:

Publicar un comentario