Hoxe entra en vigor en toda Galicia a Lei de racionalización do gasto na prestación farmacéutica , tras a súa publicación onte no Diario Oficial de Galicia . Trátase da norma que permitirá a elaboración do famoso catálogo de medicamentos do Sergas, algo que terá que facer a partir de agora a Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica.
É dicir, a lei habilita para a creación deste catálogo, pero desde a Consellería de Sanidade aseguran que esta listaxe estará rematado xa a principios do 2011, e será de obrigado cumprimento tanto para os médicos como para as farmacias. Cando a comisión termine o seu traballo inicial, remitirao á conselleira de Sanidade, e esta levarao para a súa aprobación ao Consello da Xunta.
Nun principio, recordan na consellería, incluiranse a trintena de principios sobre a que cabe maior aforro, polo que no resto se seguirán financiado os mesmos que ata agora, é dicir, todos os que o Ministerio de Sanidade inclúe na súa nomenclátor oficial. Segundo os cálculos feitos pola Administración, con 35 principios aforraranse ao ano máis de 110 millóns de euros.
Trátase dun catálogo dinámico que se irá modificando cada vez que o Goberno central cambie os seus prezos ou incorpore medicamentos no seu nomenclátor. De feito, a propia lei recolle que as modificacións se aproben no Consello da Xunta cunha periodicidade mínima bimestral.
Menor prezo, non máis baratos
No catálogo incluiranse os de menor prezo dos que figuren no nomenclátor oficial. Isto non quere dicir que a Xunta, a partir de agora, só financie o medicamento máis barato de todos os que autoriza o Ministerio dentro dun principio activo. O prezo menor é unha cantidade que marca a Administración estatal, que é quen ten competencias, e que non coincide necesariamente co máis barato. Talvez si nun primeiro momento, pero co tempo adoitan saír fármacos máis económicos.
O que fará a Consellería de Sanidade será financiar só os que non superen o prezo menor, mentres que no caso de que se trate de principios activos que aínda non están no catálogo, o sistema será o mesmo que ata agora, financiando todos os que recolle o Ministerio no seu nomenclátor oficial.
Excepcións
Dentro desta norma xeral hai excepcións, polo que poderá autorizarse o financiamento de medicamentos que non están no catálogo por necesidades terapéuticas, cando exista risco de desabastecemento ou de monopolio. Na medida na que a situación económica o permita, a Xunta investirá o aforro logrado con esta medida na mellora do sistema sanitario, sobre todo en atención primaria.
A elaboración do catálogo, que se aprobou a semana pasada no Parlamento tras unha proposición de lei dos populares, contou co apoio do BNG pero non do PSdeG, que desde un primeiro momento recordou que ou o Sergas plasma o nomenclátor oficial na súa listaxe, ou estaría a vulnerar competencias. De feito, os socialistas reclamaron que en lugar de crear unha listaxe no que se recollan os medicamentos a financiar, óptese pola alternativa da Junta de Andalucía, por exemplo, onde o sistema informático só permite prescribir por principio activo, polo que o farmacéutico ten a obrigación de dispensar o fármaco de prezo menor, e no caso de que un deles sexa xenérico, que sexa este último.
O certo é que a lei tamén recolle entre as medidas a promover a promoción da prescrición por principio activo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario