13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





14 ene 2011

¿Está penalizada en Galicia la libertad de expresión?



Xornal.com  Editorial

A Xunta de Feijóo, cos apoios do grupo parlamentario do BNG, puxo en marcha a Lei de Racionalización do Gasto na Prestación de Farmacia, pola que se impulsou un catálogo de medicamentos que prima os xenéricos e que está subvencionado pola Seguridade Social. Este catálogo é máis reducido que o que existe no conxunto de España, e aínda que mantén todos os principios activos, desbota moitos fármacos que ata agora contaban con subvención. O Ministerio de Sanidade xa anunciou a principios de xaneiro a interposición dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por exceder o marco competencial da comunidade autónoma e deixar aos galegos sen acceso a unha serie de medicamentos si financiados no resto do Estado. Nesta liña, segundo puido confirmar Xornal de Galicia, o ministerio xa puxo en marcha o itinerario do recurso contra o catálogo de xenéricos da conselleira de Sanidade Pilar Farjas. En primeiro lugar, o ministerio pedirá un informe ao Consello de Estado e unha vez elaborado, irá ao Consello de Ministros, antes de ser presentado ante o TSXG.
En canto se formalice o recurso do Goberno contra a Lei de Racionalización do Gasto na Prestación de Farmacia, en vigor desde o 3 de xaneiro, esta norma será suspendida de forma inmediata ata a resolución xudicial. Pero, ademais, o ministerio que dirixe Leire Pajín, non desbota recurrir a lei de Farjas ante o Tribunal Constitucional. En Galicia xa contamos cun exemplo dun recurso de inconstitucionalidade do Estado contra a Xunta no caso da Lei de Caixas, tamén aprobada no Parlamento galego cos votos a favor do PP e BNG, que supuxo a súa suspensión.
Á marxe do recurso do Goberno respecto do catálogo de medicamentos xenéricos, a consellería de Farjas castigou a Xornal de Galicia e Xornal.com por ser os únicos medios galegos que non só informaron sobre as medidas da Xunta senón tamén doutros puntos de vista arredor dos xenéricos. A Consellería de Sanidade aprobou unha campaña informativa “sobre a modernización da sanidade pública en Galicia” na que investirá un total de 700.000 euros na práctica totalidade dos medios escritos, dixitais e radiofónicos da comunidade, excepto en Xornal de Galicia e Xornal.com. Parece que a liberdade informativa está penalizada en Galicia á hora de acoller campañas de publicidade institucional cuxo obxectivo é ofrecer información de interese para os cidadáns. Deste xeito, sen ningún tipo de criterio obxectivo relativo á localización ou á tirada, os máis de 250.000 lectores mensuais de Xornal de Galicia e Xornal.com –certificados por Google– quedarán sen coñecer a campaña sanitaria galega. Pero esta non é a primeira vez que ocorre, xa que os usuarios destes medios quedaron sen coñecer as precaucións que debían tomarse á causa do temporal ou os servizos públicos dispoñibles durante a visita do Papa Bieito XVI.
Ante este tipo de actuacións por parte da administración pública, dificilmente Galicia se pode considerar un país moderno cando un dos piares das democracias avanzadas, a liberdade de expresión, está penalizada dunha maneira tan cativa como perversa.

     

No hay comentarios:

Publicar un comentario