Miguel Ángel Fernández denuncia que as listas de espera sufriron un incremento de "máis de 30.000 galegos" e reaviva as declaracións realizadas por Pachi Vázquez nas que apunta a que os médicos cobran primas por dar de alta a pacientes sen probas.
O secretario de Sanidade do PSdeG, Miguel Angel Fernández, criticou onte a "nefasta xestión" da conselleira Pilar Farjas sobre as listas de espera no Sergas. Segundo denunciou, estas sufriron un incremento de "máis de 30.000 galegos" e calculou que, na non estrutural, hai "15.000 persoas máis".
Por iso, demandou que se publique, xunto coa lista de espera de decembro, os datos da lista non estrutural -na que figuran pacientes que rexeitaron operarse nun centro alternativo ou solicitaron un aprazamento-, tal e como fixo a titular de Sanidade co bipartito, María José Rubio.
A maiores, o secretario executivo de Sanidade do PSdeG ratificou a denuncia feita hai semanas polo secretario xeral do PSdeG, Manuel "Pachi" Vázquez, en relación co pagamento de primas a médicos que traballan pola tarde en consultas externas por dar de alta a pacientes "sen probas complementarias".
Neste sentido, referiu que as instrucións do Sergas para a planificación da autoconcertación (peonadas) "deixan a porta aberta" a que os xerentes de hospital establezan diferentes sistemas de pagamento, tal e como "acontece en Burela" -no Hospital da Costa-. "Disfrázase chamando consultas de alta resolución ao que non o é", incidiu Fernández.
A interpretación pode levar ó camiño equivocado
No documento, estipúlase que nas consultas de alta resolución se debe realizar "unha proba diagnóstica ou sala especial dentro do tempo asignado ao procedemento e a instauración do tratamento", proceso que finaliza "cunha alta a primaria". Este tipo de consulta leva consigo un pagamento ao facultativo de 35 euros, mentres que a ordinaria supón 10 euros menos. A xuízo do socialista, esta redacción "permite interpretar" que a alta resolución é unha análise de sangue, cando se refire a ecografías, ecocardiogramas, electrocardiogramas e citoloxías. Por todo, criticou a "caradura" de Farjas, quen, tras suprimir as peonadas á súa chegada á consellería por entender que eran "unha perversión que os profesionais utilizaban para enriquecerse", as volveu implantar "cunhas tarifas superiores ás dos anteriores gobernos"
Dada a "mala xestión" das listas de espera e a "terxiversación" das peonadas, Fernández reclamoulle ó presidente da Xunta que "destitúa" a Farjas e "poña outra persoa" no cargo "que o faga mellor". "Galicia pasou do oitavo posto en gasto sanitario por habitante ao décimo", apuntou o dirixente socialista, para quen este dato "mostra o pouco que lle importa ao PP a sanidade pública".
En contestación a tales críticas, o deputado do PPdeG, Miguel Santalices, asegurou que a regulación da xornada extraordinaria nos hospitais adáptase ás recomendacións do Consello de Contas por mor "do descontrol imposto polo Bipartito". Santalices lamenta que os socialistas "insistan en insultar aos médicos insinuando que se venden por 30 euros para dar altas sen realizar as probas necesarias" e subliña que os facultativos "piden todas as probas precisas para facer un diagnóstico" porque "traballan para solucionar os problemas dos pacientes, e iso non ten prezo". O Goberno de Feijóo, engade o popular, regularizou a actividade extraordinaria "racionalizándoa con base en parámetros como o rendemento cirúrxico en xornada ordinaria, a estadía media preoperatoria e a relación de consultas primeiras e sucesivas". "O que non se pode é querer manipular á opinión pública como fan os socialistas confundindo a implantación de xornada extraordinaria en cosultas externas coa cirúrxica e facer interpretacións perversas e lesivas para a honorabilidade dos médicos", concluíu.
No hay comentarios:
Publicar un comentario