“De cada 100 euros que gastaba o bipartito en política social, nós gastaremos dous euros máis” ou “non baixamos o gasto social, é aforro de gasto”. Con estas afirmacións, o presidente da
Xunta,
Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, defendían, respectivamente, o carácter “social” dos Orzamentos galegos para 2010 e 2011. O gasto social, isto é, o destinado a sanidade, educación e benestar, quedaba “blindado” no medio da crise, nun contexto no que “tres de cada catro euros”, insistían, ían dedicados a tal fin. Unha vez traspasado o ecuador da lexislatura e a piques de comezarse a elaborar as contas para 2012, o Valedor do Pobo vén de presentar o seu informe correspondente a 2010, isto é, o primeiro ano completo cos populares á fronte do Goberno. Da súa lectura é posible deducir que, ao contrario do afirmado polos responsables gobernamentais,
a crise si derivou en recortes sociais, xa sexa en forma de “restricións” ou de “atrasos”, especialmente nas áreas que dependen de Educación e Benestar.
No informe, que o titular da institución, Benigno López, entregou onte no Parlamento, fálase abertamente de “restriccións orzamentarias” no sistema educativo público, con prestacións recortadas “ a consecuencia da crise, o que se traduce na necesidade de acometer unha fonda mellora da eficiencia no gasto educativo”, di o Valedor.
Neste sentido, o informe detense especialmente nas dificultades polas que atravesan prestacións complementarias á propia educación, coma os comedores ou o transporte escolar, servizos que, segundo López, a
Xunta “percibe como un gasto excesivo”, o que leva ao departamento que dirixe Jesús Vázquez a “aplicar cunha esaxerada rixidez” os criterios para ofrecer estas prestacións, por exemplo, as normas que rexen para que un neno teña dereito a que o autobús o recolla na súa casa.
Así, o informe do Valedor salienta que a
Xunta “tivo que enfrontarse a unha diminución dos seus recursos e, en ocasións, non distinguiu aquilo que é esencial en materia de educación fronte a prestacións accesorias” do sistema educativo, e lémbralle que “as restricións orzamentarias deben afectar á educación como última alternativa”. Do mesmo xeito, ante as queixas recibidas por parte dos cidadáns, o informe detalla que a consellería debe garantir o comedor ou o transporte “cando sexa necesario para unha escolarización en condicións axeitadas”.
Unha diagnose igualmente negativa chega do Valedor cando a materia tratada é o transporte escolar, un servizo cuxa “profunda reordenación” considera “inaprazable” para evitar casos coma os dunha nena de sete anos, cuxa familia reclamou que o autobús escolar se detivese diante da súa casa, xa que “o autocar ten que facer necesariamente ese traxecto” e a parada “non modifica a ruta” nin aumenta o seu tempo. Neste caso concreto, o Valedor aludiu factores coma “falta de beirarrúas, falta de iluminación” ou “tráfico intenso”. “Sorprende que a Administración non considere calquera destes motivos como un elemento razoable para establecer o servizo e tenda a tratalos como esaxeracións ou argumentos de presión”, conclúe.
DEPENDENCIA E SANIDADE
Xunto a Educación, outro dos departamentos do Goberno que sae especialmente mal parado no informe do Valedor é a
Consellería de Traballo e Benestar, especialmente no referido á aplicación da Lei da Dependencia. Denuncia o Valedor que, á hora de valorar as persoas dependentes e de facer efectivas as súas prestacións, os procesos seguen a ser “desproporcionadamente longos” e, en máis dunha ocasión, o departamento que dirixe Beatriz Mato alega “dificultades orzamentarias”.
Nun dos treitos máis extensos do informe, o Valedor chega a afirmar que as respostas da Consellería para xustificar atrasos “non se axustan á lóxica”, nun contexto no que, por exemplo, seguen a producirse “abundantes casos de falecemento antes da aprobación da prestación ou servizo”, algo que o
PP converteu en cabalo de batalla dende a oposición”. Neste caso, o Valedor lembra a obriga da
Xunta de abonar á familia do falecido a axuda correspondente. Non facelo, di, sería “premiar o seu mal funcionamento” .
A análise da parte social do Goberno no informe do Valedor complétase coa S
anidade, área na que, salvo casos concretos, como a saturación dunha consulta pediátrica en Arteixo, as queixas se centran esencialmente no alto volume das listas de espera, que encabezan un ano máis as reclamacións cidadás nesta área.