13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





16 may 2011

A saúde como negocio

O sistema sanitario é un elemento clave do estado do benestar.

 

Galicia Confidencial


En España, ademais, os servizos sanitarios son moi eficientes: a porcentaxe do PIB dedicada á saúde é das máis baixas da contorna mentras que os indicadores sanitarios son dos mellores do mundo. Sitúase tamén como un sector importante da economía, xerador de emprego e de tecnoloxía. Pero hai unha estratexia global, impulsada por potentes grupos empresariais, que tenta desviar cara ó sector privado aquelas parcelas da sanidade que teñen capacidade de producir ganancias. Hai unha intensa presión para abrir a porta e que a banca e as construtoras poidan facer negocio co diñeiro público.
Os gobernantes teñen a obriga de protexer o sistema público. Pero en Madrid e Valencia, onde goberna o PP desde hai anos, hai unha crecente tendencia á introdución dos intereses privados na sanidade. Os espazos de negocio estanse a xerar, de maneira principal, na construción dos novos hospitais a través dun sistema de concesión (PFI: Iniciativas de Financiamento Privado). A empresa concesionaria constrúe o hospital que despois xestiona durante 20 anos, e a administración deberá pagar un canon polo alugueiro das instalacións e polos servizos de mantemento.
Trátase dun negocio seguro: unha vez construído o hospital, a compañía privada ten garantido un fluxo de ingresos procedentes do sector público durante dúas décadas. Este sistema comezou a utilizarse no Reino Unido, en tempos de John Major. A economista Sally Ruane asegura que a PFI resulta máis cara que os modelos convencionais e, ademais, distorsiona as prioridades de planificación xa que subordina as necesidades sanitarias aos intereses do capital privado. Afirma rotunda: "Este modelo está deixando nas arcas públicas inglesas deudas millonarias. Está calculado que a construcción de cada hospital pola vía PFI custa tres veces máis que polo modelo tradicional. Os hospitais saen máis caros, as condicións de traballo empeoraron terriblemente, reducíronse os postos de traballo, hai menos servizos para a poboación...Coa privatización, baixa a calidade asistencial”.
Hai uns días estivo na Coruña o pediatra madrileño Marciano Sánchez Bayle, un home admirable que leva anos traballando pola sanidade pública. Os novos hospitais de Madrid están xestionados polo sistema de PFI. As súas conclusións tamén son contundentes: os centros sanitarios construídos deste xeito son máis caros, reducen camas e servizos e empeoran a calidade do emprego. Neste negocio só gañan as empresas adxudicatarias; o sector público, os traballadores e os usuarios saen perdedores. Entende Marciano que "a xestión pública da sanidade garante que a atención sexa un dereito, pois a presenza do mercado e dos intereses privados fomenta que pase a considerarse mercancía". Pero hai quen busca precisamente iso: poñer o negocio por diante do dereito á saúde das persoas.
A experiencia indica que este sistema produce incremento do gasto e deterioro da calidade asistencial. Pero, ademáis, a administración pública fica como refén das empresas adxudicatarias. Se non consiguen o beneficio agardado as arcas públicas serán de novo saqueadas. Así acontece agora en Madrid. As empresas que xestionan os sete novos hospitais, que Esperanza Aguirre inaugurou na lexislatura, reclámanlle 80 millóns de euros máis a o incremento do canon anual en outros 9,2 millóns. Advirten que, do contrario, producirase un “colapso” non funcionamento dos hospitais. A chantaxe é clara. Pretenden, outravolta, desviar diñeiro público para garantir o beneficio privado.

Un modelo de risco sanitario

Xornal de Galicia

O copago sanitario e un novo sistema de construción e xestión dos centros hospitalarios son dúas das follas de ruta que manexa a Xunta nas súas previsións en materia de sanidade. Porén, algunhas das súas apostas de futuro xa foron postas en marcha noutras comunidades, onde se amosan totalmente inoperantes. É o caso de sete novos hospitais en Madrid que foron construídos e están xestionados por unha serie de empresas privadas.
Este modelo, que é ideal para a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, e defendido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ameaza nestes momentos co colapso sanitario na comunidade madrileña. Supostamente, segundo o Goberno galego, a opción de deixar en mans privadas a construción e xestión de centros hospitalarios como os que se están a facer en Vigo e Pontevedra e de saúde en Galicia é a mellor opción para o aforro. No entanto, a experiencia xoga en contra dos argumentos da Xunta xa que en Madrid, onde funciona un sistema similar, as empresas xestoras rebeláronse contra a Administración e reclaman máis cartos dos pactados. Segundo documentos feitos públicos polo candidato socialista na comunidade, Tomás Gómez, as construtoras ameazan con deixar no “colapso” os hospitais se non se lles pagan 80 millóns máis dos pactados. Así mesmo, reclaman 10 millóns en concepto de canon anual durante 26 anos.
Á vista dos problemas aos que agora se enfronta a popular Esperanza Aguirre, parece de recibo que a Xunta replantexe as súas previsións de cambio no que á sanidade se refire. Aínda queda tempo para evitar o caos en Galicia xa que deixar a sanidade en mans privadas non parece a mellor opción: igual que ameazan agora en Madrid poderían facelo nun futuro en Galicia. O Executivo galego ten a responsabilidade de impedir situacións de chantaxe coa saúde dos galegos pois aos empresarios non lles tremerá o pulso se teñen que pechar ou paralizar un hospital porque non lles resulta rendible a súa xestión e control.

   

Copago, recortes ou aumentar o financiamento?

Diversas entidades apostan por modelos distintos para garantir o sistema público

Xornal de Galicia


A sustentabilidade do sistema sanitario está en perigo. Ou iso din os expertos, que cifran o seu déficit en torno aos 15.000 millóns de euros. Ante esta situación, nos últimos meses saíron diferentes informes que apostan por diferentes vías para lograr a salvación do sistema: empregar as tesoiras e comezar a mutilar as prestacións do sistema sanitario, implantar o tristemente famoso copago ou incrementar o financiamento da sanidade.
Deste xeito, nun primeiro lugar teríamos aos axentes que ante esta situación de perigo para o sistema, optan por podalo e incluír ao sector privado para suplir estes servizos. Nesta liña, atopase un informe da Fundación Bamberg, publicado no último mes e en cuxa elaboración participaron persoeiros tan destacados como a conselleira de sanidade, Pilar Farjas os ex ministros de sanidade do Goberno de Aznar, Ana Pastor e Romai Beccaría, ou o titular desta mesma carteira co Executivo de Zapatero Bernat Soria.
A proposta desta organización avoga por un novo modelo de xestión, no que sexan os criterios económicos os que marquen a oferta do Sistema público. “Necesitamos un modelo no que as prestacións a recibir polos cidadáns estean en correspondencia coa capacidade financeira do Estado”, relata o texto, que resalta a importancia de “diferenciar as prestacións relacionadas directamente co mantemento e recuperación da saúde das que non o son”.

AS PRESTACIÓNS BÁSICAS
A adopción deste modelo implicaría que o Estado decida cales son as prestacións básicas que deben ofrecer os hospitais públicos e suprimir o resto. A partir de aí entra en xogo a figura das entidades privadas que “poderán ofrecer seguros complementarios para as prestacións non cubertas polo Estado”, que o informe cualifica de “accesorias”, para o “confort” ou de “patoloxías menores”.
Nun segundo grupo estarían os defensores do copago,unha medida que supón que sexan os enfermos os que carguen coa responsabilidade de garantir a sustentabilidade do sistema e que cada seis meses sae a relucir coma suposta salvación do sistema sanitario. Sexa da man da ex conselleira catalana de Salut, Marina Geli, ou do presidente de Murcia, Ramón Luis Valcárcel, os argumentos que defenden esta medida son os mesmos: o copago é empregado na meirande parte dos países da Unión Europea e ademais de supoñer a chegada dun novo fluxo de fondos ao sistema sanitario, reduciría as consultas innecesarias daquelas persoas que realmente non o necesitan.
“Os centros educativos e sanitarios públicos deberían complementar con taxas e prezos públicos regulados todos aqueles servizos fóra de catálogo do financiamento básico acordado”, sinala a Cámara de Comercio de Barcelona nun análise publicado nos últimos días. E non é a única. A Comunidade de Madrid defende nun documento interno a implantación do copago para os servizos complementarios do sistema, tales coma o uso de material por parte dos diabéticos, as vasectomías e ligaduras de trompas, operacións de cambio de sexo e obesidade mórbida ou simplemente as comidas e servizos hoteleiros dos centros sanitarios.
Facendo fronte a estas dúas opcións, está a que defenden as organizacións en defensa da sanidade pública e os sindicatos. A Fundación 1º de Mayo elaborou un informe no que destaca que o rendemento económico real do copago é “moi baixo”, ao ter que costear a recadación destes fondos ou a protección das rendas máis baixas. “As cifras que finalmente se obteñen son facilmente alcanzables con simples melloras tributarias ou incluso da loita contra o fraude”.
A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública critica, pola súa banda, as propostas de excluír algunhas prestacións do Sistema Nacional de Saúde (SNS), asegurando que dar entrada ao sector empresarial privado, como propón por exemplo a Fundación Bamberg, suporía un “desmantelamento” e “retroceso moi importante” dos logros obtidos pola sanidade pública española. Así, afirman que estas propostas pretenden relegar ao sistema sanitario público ao papel de “financiador, controlador e regulador do mercado sanitario, mentres que a provisión de servizos sanitarios proviría do capital privado a través de redes de centros sanitarios da súa propiedade”.
Entre ambas as dúas propostas, estas organizacións optan por unha terceira con medidas coma incrementar o financiamento da sanidade pública para poñer fin ao déficit –neste sentido, lembran que España é o país da UE que menos porcentaxe de PIB destina á Sanidade-, poñer en marcha políticas para incrementar o consumo de medicamentos xenéricos, ou aumentar a capacidade resolutiva da Atención Primaria co fin de reducir as visitas á especializada.

Centros con fondos privados, ideal de Farjas, esixen a Madrid 80 millóns

Os hospitais, co modelo que propón Feijóo, ameazan agora co colapso se non aumentan tamén o canon anual en 10 millóns

Xornal.com


Os sete novos hospitais madrileños “funcionan marabillosamente ben”, sinalaba esta semana Esperanza Aguirre como resposta ás acusacións de privatización do candidato socialista nesta comunidade, Tomás Gómez. Non obstante, as empresas privadas que se encargaron da construción e, xa na actualidade, da xestión destes centros mostran unha visión diferente. Nunha carta remitida ao conselleiro de Sanidade de Madrid, as adxudicatarias ameazan co “colapso” dos hospitais se a comunidade non paga un total 80 millóns de euros máis.
As construtoras alegan que esta cantidade débese ás inversións que solicitou a comunidade e que non foron recoñecidas no proxecto inicial. O argumentario destas empresas alega tamén que ao incrementarse a inversión, aumenta tamén o servizo prestado, que sumado a unha maior actividade da prevista, leva as adxudicatarias a reclamar un total de 10 millóns máis de canon anual.
Os hospitais madrileños –que se construíron seguindo o modelo que Feijóo propón para os centros de Vigo, Pontevedra ou para a creación dos novos ambulatorios– teñen un custe para as arcas públicas que ronda os 200 millóns ao ano en concepto de canon, que se deberá aboar ata 2037. Así, de ceder o Goberno de Esperanza Aguirre as novas reivindicacións das adxudicatarias, o custe dos centros incrementaríase en 260 millóns do canon, a maiores dos 80 que esixen en concepto de “incremento de inversión”. É dicir, o gasto dispararíase en 340 millóns se se cumpren as esixencias destas empresas.
Tras a aparición pública desta misiva, que empregou o candidato socialista no debate televisivo no que se enfrontaba con Esperanza Aguirre, as organizacións en defensa da sanidade pública iniciaron unha campaña para denunciar esta situación. Desde a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade CAS - Madrid censuran que a pesar de empregar esta carta, o PSOE non está a presentar propostas para lograr un cambio de modelo.
A Asociación en Defensa da Sanidade Pública de Madrid, pola súa banda, denuncia que esta fórmula de financiamento supón unha “hipoteca” para o Servicio Madrileño de Saúde, que terá que pagar a estas empresas máis de 4.000 millóns de euros. Ademais, fan unha referencia explícita á misiva para denunciar que estas empresas están a lograr un beneficio do 6,91% da xestión dos hospitais en plena crise económica. A maiores desta contía, as empresas tamén cobran da explotación dos aparcamentos, cafeterías ou tendas instaladas nos espazos sanitarios.
As reivindicacións de profesionais e e expertos expandíronse por todo o territorio e chegaron incluso a Galicia. Así, o pasado luns o voceiro da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, Marciano Sánchez sinalaba nun congreso na Coruña que os novos hospitais madrileños “construídos por Esperanza Aguirre contan con menos recursos”, tanto no referido ao número de camas, como en “menor número de médicos e enfermeiras” fronte aos do modelo tradicional.
Manuel Martín, voceiro da Asociación en Defensa da Sanidade Pública de Vigo, alerta sobre o perigo que supón construír o novo hospital da cidade seguindo este modelo, posto que ten “asociado o risco de que as construtoras pechen os hospitais se non reciben máis diñeiro do acordado no canon” tal coma sucede en Madrid.

COPAGO
As polémicas que azoutan estes días á sanidade madrileña non rematan aí. O candidato dos socialistas madrileños tamén se referiu ao documento interno que circula polo Servizo de Saúde Madrileño e que avoga por excluír prestacións ou incluír o copago en determinados servizos hospitalarios coma son as vasectomías, ligaduras de trompas, vacinas contra o virus do papiloma humano –que provoca o cancro de colo de útero– ou nos servizos hoteleiros dos centros coma son as comidas nos hospitais ou os produtos para o aseo dos enfermos.
Unhas acusacións que tamén chegaron á comunidade galega, onde a socialista Carmen Acuña vaticinou no pleno do Parlamento galego, que a conselleira Pilar Farjas planeaba suprimir o servizo de comidas dos centros, polo que os doentes terían que levar “a fiambreira debaixo do brazo”. Neste sentido, tanto o PSdeG coma o PSM auguran que a implantación do copago –que en Galicia xa está recollido nunha orde da Consellería de Facenda– chegará tras as eleccións do 22 de maio.

RECORTES NA SANIDADE CATALANA
Mentres,en Cataluña, as manifestacións dos profesionais sanitarios continúan. O recorte de 850 millóns que o Goberno de Mas aplicou nos servizos de saúde traducirase na práctica no peche de camas e de quirófanos. O hospital Vall d’Hebron fixo públicas esta semana as súas primeiras previsións para a tempada estival, na que perderá de media unhas 310 camas de hospitalización, máis de 30 catres para pacientes críticos cada mes e uns 45 quirófanos á semana. Isto supón a eliminación dunhas 2.600 intervencións cirúrxicas, segundo as palabras do propio xerente do centro.
Ademais, a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade destaca que os recortes tamén se están a detectar noutros ámbitos. As mamografías que se realizaban cada dous anos para a prevención do cancro de mama “deixan de facerse” para limitalas unicamente aos doentes que teñen diagnosticada esta patoloxía. O mesmo sucede coas citoloxías xinecolóxicas para detectar tumores, que pasarán a realizarse cunha periodicidade de cinco anos, en lugar dos tres que se estaban a esperar na actualidade.
A entidade tamén da conta de ordes “non escritas” nas que se insta aos médicos a que non fagan gardas os fins de semana en servizos coma cirurxía cardíaca, da existencia de pacientes nos corredores dos centros e mesmo nos almacéns debido á falta de camas.