Na inauguración do centro de saúde coruñés de Novo Mesoiro rexeita a "intoxicación" sobre a privatización do servizo público
Galicia Hoxe
Na inauguración do novo centro de saúde de Novo Mesoiro, na Coruña, Feijóo remarcou onte que "a verdade é sempre resplandecente sobre as intoxicacións", en referencia ás denuncias sobre a posible privatización da Sanidade pública, e aludiu, en concreto, á execución do novo hospital público de Vigo ou ó proxectado en Pontevedra.
"O 50 por cento das camas serán novas nesta lexislatura", subliñou Feijóo, quen puxo tamén como exemplo da política sanitaria do Executivo galego a inauguración do novo centro de saúde de Mesoiro.
Así, o presidente da Xunta enmarcou esta inauguración na posta en marcha doutros centros de atención primaria en toda Galicia e sinalou que, ós centros de saúde xa en marcha, sumaranse "20 máis" que a Xunta licitará "nas próximas semanas", engadiu.
No acto, Feijóo defendeu tamén a construción "entre todos" dun "novo" Servizo Galego de Saúde apostando pola incorporación das novas tecnoloxías ó ámbito sanitario e por "racionalizar" o consumo de medicamentos, na mesma liña do discurso realizado pola conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, quen volveu defender o catálogo de xenéricos da Xunta..
NO ANO 2009
Unha primeira pedra conflitivaO alcalde da Coruña, Javier Losada, tivo palabras de recordo para o acto de colocación da primeira pedra do centro de saúde deste barrio, no 2009, e para as protestas veciñais que houbo durante este. Losada atribuíu aquelas protestas a veciños "intoxicados", en referencia ó feito de que o acusasen entón de pretender "encher este barrio de drogadictos e delincuentes" ou argumentasen "que as vivendas sociais eran para os de Penamoa", engadiu en referencia ós realoxamentos neste asentamento.