13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





22 abr 2011

O axuste sanitario xa está en marcha

Coa vista posta na tesoirada catalá, a Xunta esgrime un plan ordenado de racionalización que en Galicia opera "desde o minuto 1 da lexislatura". A "responsabilidade na xestión" que defende Farjas esconde para os críticos "un negocio lucrativo" 

 

Galicia Hoxe


Catro meses despois do cam­bio de Goberno na Generali­tat, o sistema de saúde catalán enfróntase a un drástico plan de axuste que esixe a redución de entre o 8 e o 16% do gasto nos case 80 centros sanitarios da súa rede. A finalización de contratos eventuais, o peche de quirófa­nos durante a tarde, o apraza­amento de obras, o alugueiro de instalacións ou a dilatación de prazos entre segundas visitas mé­dicas son algunhas das medidas esbozadas polas xerencias para dar resposta ás duras esixen­cias orzamentarias, que obrigan a reducir o gasto nuns 950 millóns de euros. Coa oposición ós recortes xa na rúa, e nun intento de reconducir a ex­plosión informativa, o conselleiro de Saúde asegurou que nos plans que se concretarán nos próximos días o Govern "non cru­zará a liña vermella que afecte á calidade do servizo", apuntando que o principal impacto para o usuario vivirase nas listas de espera, que necesariamente terán que alongarse.
O crecemento sostido do gasto sanitario, asociado ó éxi­to clínico dunha asistencia cada vez máis capaz, choca agora cunha crise financeira que impón o aforro e obriga a pisar o fre­o. A urxencia nos plans de axuste da Generalitat sitúa o foco en Cataluña, pero todas as autonomías iniciaron medi­das para conter unha factura, a sanitaria, que absorbe entre o 30 e o 40% dos seus orzamentos. As contas para a sanidade das CCAA baixaron en 2011 unha media do 4,1% (-4,9 en Gali­cia) e a xestión dos recursos cobrou un novo protagonismo, empuxando as autonomías a explorar fórmulas de aforro.
En Galicia, a Consellería de Pilar Farjas asiste ó reaxuste ca­talán coa seguridade de actuar con previsión "desde o minuto un da lexislatura". No verán de 2009, catro meses despois da toma de posesión do novo Goberno, Sanidade apostaba por elevar o rendemen­to do horario ordinario nos hospitais do Sergas e anunciaba a reorganización da actividade extraordinaria de tarde. A limi­tación imposta ás horas extra -o primeiro ano de aplicación pecharía cun balance de 6.844 cirurxías menos se acompañaba por unha xestión das listas por prioridade clínica, que a principios de 2010 traducíase nun repunte de nove días no tempo medio de espera. "Non queremos xestio­nar medias aritméticas, senón pa­cientes de acordo á gravidade da súa patoloxía e as súas circunstan­cias clínicas e sociais", explicaba a conselleira insistindo en que chegara o momento de xes­tionar cada euro.
No seu primeiro verán á fronte da Consellería, Farjas iniciaba tamén unha campaña gradua­da de promoción dos medica­mentos xenéricos (equivalentes ás marcas innovadoras pero máis baratos por non estar suxeitos a patente), que a finais de 2010 se completaba co catálogo priorizado de medicamentos -re­corrido polo Goberno estatal e paralizado preventivamente polo Tribunal Constitucional-, nunha aposta decidida por concentrar o financiamento público nas versións máis eficientes de 34 grupos de medicamentos equi­valentes, avalada por unha lei do Parlamento autonómico.
A xestión de Sanidade nos dous anos e medio de Goberno do PPdeG incluíu tamén unha aposta pola captación de capital privado como ferramenta para revitalizar o sector e non frear a construción de infraes­tructuras, e a redefinición dos proxectos do Bipartito para os novos hospitais de Pontevedra e Vigo. A unión de empresas lide­rada por Acciona e Puentes e Cal­zadas recibía a comezos de ano o proxecto do hospital de Vigo, o primeiro que en Galicia recorrerá á fórmula do pago aprazado xa rodada en Madrid ou Valencia.
É certo, coincide a Asocia­ción para a Defensa da Sanidade Pública (ADSP), que en Galicia os plans de contención do gasto sa­nitario arrincaron antes que en Cataluña e transcorren de modo ordenado, pero a ollos desta pla­taforma -convocante da mani­festación de novembro de 2010 contra a intervención de capital privado na construción dos centros sanitarios e a deterioración do sistema público-, o obxectivo destas actuacións non é a sustentabilidade do sistema público, senón a súa "descapitalización".
"En Cataluña estase falando de pechar quirófanos pola tarde, pero é que aquí xa vivimos ese peche coa escusa da perver­sidade do sistema de peonadas; vimos a non renovación de tra­balladores hospitalarios, a para­lización do Plan de Mellora da Atención Primaria, a supresión de gardas de presenza física de Radioloxía nos hospitais co­marcales, a cesión de servizos de diálese a unha fundación priva­da, o atraso da construción dos hospitais de Vigo e Ponteve­dra -que pasarán a custar catro veces máis que nos plans do Bipartito ó dar entrada ó capi­tal privado- ou a paralización dos plans directores de Ourense, Santiago ou A Coruña", apunta Ma­nuel Martín, médico de familia do Sergas. "O problema é que está claro o que se pretende: fa­cer da sanidade pública un ne­gocio lucrativo", sentencia.

Un déficit duns 15.000 millóns
As administracións fiscais esixen recortes rápidos e a orde -sostén un informe elaborado por PwC coa coordinación dos exministros de Sanidade Ana Pastor e Julián García Vargas- aplícase agora a un sector, o sani­tario, historicamente marcado "por un certa desconsideración cara ó orzamento" e "un cer­to abuso do carácter de ben pre­ferente". O documento cifra o déficit da sanidade entre o 10 e o 15% dos orzamentos asig­nados polas comunidades (uns 15.000 millóns de euros).


No hay comentarios:

Publicar un comentario