EUROPAPRESS
O
proxecto de presupostos para 2012 seguiu a súa tramitación na Cámara
galega este venres co debate en comisión das emendas que os grupos da
oposición presentaron ao articulado do texto, e entre as que se atopaban
crear un novo tramo do IRPF ou subir a imposición para as rendas máis
altas, así como garantir que o financiamento da sanidade se realizará
sen copagamento, propostas que foron rexeitadas.
As emendas ao articulado, 54 presentadas polo PSdeG e 13 polo BNG
(unha non foi admitida), son as que buscan cambiar a filosofía dos
presupostos, que responden a unha "planificación rigorosa" e ao
obxectivo de "estabilidade presupostaria", como destacou o Goberno
galego dende a súa presentación e este venres recordou o deputado
popular Alberto Sueiro.
"Non debemos ser emendados polos que saíron tan mal parados na
defensa do público", advertiu á oposición ante as palabras da socialista
María José Caride, que viu "retratados" os populares nestas contas.
Non obstante, socialistas e nacionalistas, que se apoiaron
mutuamente a grande maioría deste conxunto de emendas --que non moven
contías específicas propiamente, senón que introducen cambios de
contido--, reclamaron "sinais" dirixidos á poboación, en palabras do
deputado nacionalista Carlos Aymerich, como un novo tramo do IRPF, para
facer ver que "todos tiran do carro, e non que os de sempre tiran del e
outros van subidos".
"Son fríos e duros con quen menos ten", denunciou a socialista
María José Caride, quen criticou que o Goberno galego sexa "valente para
privatizar ou para o copagamento, pero covarde para a defensa do
público e para pedir a quen máis ten que faga un esforzo".
CONTIDO EMENDAS
As emendas referidas a estas argumentacións son as número seis do
PSdeG e do BNG, que neste caso, ademais do rexeitamento do PPdeG, contou
coa abstención dos socialistas.
Os nacionalistas propuxeron crear, no tramo autonómico, unha
escala para os que cobran máis de 100.000 euros anuais, cunha porcentaxe
aplicable do 25,5 por cento. "Non nos parece nada extraordinario",
manifestou Aymerich, quen recorda que os países do ámbito teñen gravames
por enriba aos de España.
Polo seu lado, os socialistas, que si recibiron o apoio do BNG,
pedían que, dentro da declaración individual, se aumentase un punto para
o tramo entre 60.001 e 120.000 euros; e outro punto para unha
declaración conxunta entre 90.001 e 150.000 euros e dous a partir de
150.001 euros.
COPAGAMENTO E AXUDAS A FILLOS
Á marxe destas propostas, a deputada do PSdeG volveu propoñer
"blindar" os servizos públicos. "Os presupostos da Xunta garantirán a
prestación universal e gratuíta da asistencia sanitaria a todos os
empadroados", reza unha das emendas rexeitadas (número 51).
Outra (a número 52) reclama poñer por escrito que "o Goberno
garantirá os custos de prestación dos servizos públicos (...) e que a
sanidade pública e universal se financiará sen copagamento, nin directo
nin indirecto".
Pola súa banda, o deputado nacionalista fixo fincapé na necesidade
de que as persoas que teñan a cargo fillos de menos de tres anos poidan
acceder á prestación de 360 euros sen distinción cando os rendementos
non superen os 23.000 euros.
Na actual redacción da disposición adicional quinta, exclúense
desta prestación ás persoas que, de forma voluntaria, e aínda sen chegar
ao mínimo obrigatorio para presentar a renda, presentaran a declaración
a Facenda.
Isto, tal e como explicou Aymerich, impide acceder a esta axuda a
unidades familiares con 10.000 euros de ingresos que fixesen a
declaración ou persoas que, sen alcanzar o mínimo obrigatorio, tivesen
dous pagadores (o que obriga a presentar a declaración).
Os nacionalistas tamén demandaban modificar a taxa de reposición
nos empregados públicos, de forma que non se computen as baixas en
prazas ou se exclúan do límite marcado polo Estado os ámbitos de
educación ou sanidade.
A este respecto, o popular Alberto Sueiro replicou advertindo de
que é un "acordo" da comisión bilateral que "o impide". "Non é aceptable
dende o punto e hora que é unha disposición da comisión bilateral,
aínda querendo, hai un acordo", remachou.
ANÉCDOTA NAS VOTACIÓNS
A anécdota da comisión chegou á hora das votacións, que no caso da
Comisión de Economía adoitan ser habitualmente complicadas pola
disección de emendas para que os grupos poidan tomar posición
específica.
Neste caso, e por acordo dos tres grupos --como así o require o
regulamento para estes casos--, foi necesario repetir a votación das
únicas dúas emendas que o relatorio propoñía aceptar e o carácter das
cales é técnico.
Por erro ao non entender que se estaban a someter a votación esas
dúas emendas, os deputados do PPdeG non levantaron a man, co que nun
primeiro momento non prosperou a recomendación realizada polo propio
Grupo Popular en relatorio.
Aínda que podía ser corrixida esta votación no pleno, o acordo dos
tres grupos permitiu que se incorporasen as dúas emendas ao texto do
relatorio, que en todo caso, só contou co voto favorable dos populares.