13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





26 dic 2010

Os ollos estrésanse polo uso do e-Book "Os mareos co 3D desvelan problemas xa existentes"

Os expertos avisan de problemas visuais polo exceso de luz nos libros electrónicos. Evolutivamente, o ser humano está preparado para ver de lonxe e de vez en cando, de preto. Pero no mundo actual é o contrario: consolas e PC disparan o número de miopes.

Os e-Book... tan avanzados e cómodos... pero tan seguros? En pleno boom dos libros electrónicos, os expertos avisan dos perigos de facer un uso indebido deles, ata o punto de acabar con estrés visual.
Dores de cabeza, picores nos ollos, cansazo... Malia non seren graves, os síntomas polo sobreesfoforzo da vista son claros e molestos. E o exceso de luz que os propios e-Book traen incorporada son a principal causa deses problemas. Se os especialistas xa recomendan que os libros convencionais se lean en espazos ben iluminados -nunca coa tenue luz da lámpada da mesa de noite-, no caso dos formatos electrónicos o aviso é máis que necesario: non se deben ollar a escuras, influenciados pola comodidade de ter unha luz xa incorporada.
Nesta liña, o experto Alexander Dubra, membro do Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia, advirte da importancia de que "a iluminación sexa o máis uniforme posible entre o que estamos vendo e o que nos está rodeando", para evitar "dores de cabeza, picor de ollos, canseira..." e, en todo caso, "acudir a un especialista se aparecen eses síntomas porque evidentemente os nosos ollos están protestando por un sobreesforzo", indica Dubra. E é que "estresamos o noso sistema visual se ollamos directamente a fonde de luz", avisa o experto.
A recomendación esténdese tamén aos ordenadores, televisións e consolas: nunca ás escuras. E, ademais, a unha distancia prudente, cun cálculo ben sinxelo, baseado en converter as pulgadas en decímetros: para unha televisión de 42 pulgadas, a distancia mínima de seguridade son 4,20 metros, apunta Dubra, para engadir que, no caso das novas pantallas de televisión en tres dimensións, que en por si "non son unha tecnoloxía perigosa", tamén se aplican estes consellos.
A pantalla do ordenador, pola súa parte, xa ten unha síndrome propia: a visual informática, causada por "un traballo constante e a unha distancia moi próxima, forzando os ollos", engade o óptico.
E é que na era da informática e as novas tecnoloxías, os nosos ollos sofren máis ca nunca na súa historia. "Evolutivamente, o sistema visual do ser humano -explica o óptico Alexander Dubra-, está feito para ver de lonxe, e de vez en cando de preto". Pero, engade, "no mundo actual é practicamente todo o contrario. Estase en clase, cos libros, a consola, o ordenador... o que provoca que haxa moitos máis miopes que antes e máis problemas visuais", conclúe o experto.

3D: como funciona
A tecnoloxía 3D en si mesma non comporta ningún risco. Os seres humanos, con dous ollos, temos unha visión en tres dimensións de forma constante. É dicir, que calculamos constantemente a que distancia están as cousas. Iso permítenos, por exemplo, poder coller un bolígrafo dun lapiseiro ao primeiro intento e non estar tenteando. Da mesma forma, os xogadores de baloncesto meten a pelota na canastra porque calculan exactamente a distancia á que está para poder lanzala. Se non tivesen visión en 3D non poderían facelo, e estarían fallando constantemente.
Vemos o mundo en 3D porque cada un dos nosos ollos ten unha visión lixeiramente diferente á do outro. "Se te fixas nun punto que está na parede, só cun ollo, logo co outro, decataraste de que a visión non é a mesma. Incluso hai obxectos que cambian un pouco a posición dependendo de con que ollo o miremos", explica Dubra. O que fai o cerebro é coller a imaxe de cada ollo e, con ela, construír un contorno tridimensional. "É algo natural que facemos todos".
Pola contra, para ver en 3D unha película hai que utilizar unhas gafas porque o que se ve na pantalla ten só dúas dimensións. Non pode darnos un efecto de 3D como na vida real porque é unha imaxe plana. Para conseguir ese efecto, na pantalla proxéctanse dúas imaxes diferentes. E as gafas, que funcionan como filtros, serven para que o ollo dereito vexa unha imaxe e o esquerdo outra. "De feito, se pos as gafas de 3D e pechas un ollo, non verás a película en tres dimensións, senón plana. Tes que ter os dous ollos abertos para percibir as dúas imaxes. E se quitas as gafas, distinguirás dúas imaxes, unha un pouquiño máis desprazada na pantalla con respecto á outra", apunta o óptico. Vese dobre, xa que logo, porque se están proxectando dúas imaxes, e o cerebro interprétaas construíndo a imaxe tridimensional. Se as quitamos vemos dobre porque os dous ollos ven as dúas imaxes á vez. E a gafa evita iso", conclúe.


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario