13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





17 ene 2011

Non hai cartos para curar o tabaquismo

Galiciahoxe.com

A maioría dos Executivos autonómicos coinciden en que as arcas públicas non teñen diñeiro para financiar os fármacos para deixar de fumar, en plena crise, a pesar de que a ministra de Sanidade, Leire Pajín, expuxo nalgún momento incluílos na carteira de servizos do sistema sanitario.
No caso hipotético de que os 12 millóns de fumadores que viven en España decidisen cortar coa nicotina, apoiados por unha terapia farmacolóxica que pode custar 300 euros por persoa, a Sanidade pública tería que desembolsar 3.600 millóns de euros.
Mentres que os gobernos de Cataluña e Madrid non se pronunciaron, fontes do Servizo Estremeño de Saúde (SES) confesaron que non teñen intención de financiar uns produtos que, actualmente, aboan os interesados.
A Consellería de Sanidade de Murcia situouse na mesma liña, dados os axustes económicos derivados da crise e os seus problemas de déficit, segundo un voceiro dese departamento.
O responsable cántabro de Sanidade, Luis Truan, descartou a medida porque "non é o momento de incluír moitos máis financiamentos" cando toca apertar o cinto. No entanto, o Goberno de Cantabria sufraga unha parte destes medicamentos ós pacientes hospitalizados por problemas derivados do tabaquismo, cun investimento anual de 90.000 euros.
A directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, María Nieves Domínguez, cre que volver incrementar o gasto farmacéutico necesitaría dunha "importante reflexión", dado que actualmente hai que garantir a "sustentabilidade" do sistema.
O Executivo canario está a favor da iniciativa aínda que recoñece que non existen medios económicos para poder asumila. Por iso, sostén que calquera medida que tome o Ministerio de Sanidade debe de ir acompañada dun financiamento específico.
A Xunta de Castela e León non aceptará un posible "eu invito e ti pagas" por parte do Ministerio, segundo dixo o conselleiro de Familia e Igualdade de Oportunidades desta Comunidade, César Antón, quen advertiu de que se o Goberno se decide por iso debe de facelo sen pasar a factura ás autonomías.
A Generalitat Valenciana considera que na actual situación de crise económica "non se pode ampliar" a carteira de servizos da Sanidade Pública, se isto non vai acompañado dun financiamento adecuado para as comunidades.
Na Comunitat, a administración só financia os tratamentos para persoas con problemas respiratorios graves e nos casos nos que expertos estiman, tras analizar a súa situación, que non poderán deixar o habito por vontade propia.

DATOS

Galicia, quinta en denuncias
A organización de consumidores Facua presentou 32 denuncias en Galicia por incumprimentos da Lei antitabaco, o que a converte na quinta comunidade con maior número de reclamacións presentadas por esta asociación.
Madrid encabeza a lista de denuncias, con 117. Por detrás sitúanse Andalucía, con 111; Cataluña, con 107; a Comunidade Valenciana, con 52; e Galicia, con 32. A só unha denuncia, o País Vasco, obtén o sexto posto.
Dez anos de cigarro, dous e medio menos para a pel
O tabaco é un dos factores que máis contribúe ó envellecemento cutáneo, tanto é así, que fumar durante dez anos seguidos acelera ata dous anos e medio o desgaste da pel, segundo asegura o dermatólogo e membro da Academia Española de Dermatoloxía (AEDV), Agustín Vise Ramírez. O especialista explica que fumar é un dos hábitos "máis nocivos" para a saúde da pel e que contribúe de forma máis notable ó seu envellecemento prematuro. "O tabaco, xunto a outros condicionantes como a incidencia solar, a alimentación ou os procesos crónicos, determinan o estado cutáneo das persoas", subliña.
No entanto, Vise recorda que o envellecemento é un proceso individual que "varía moito en función de cada persoa, das súas características físicas e xenéticas, así como da súa rutina e modos de vida". "A raza, o sexo, os xenes e os hábitos, saudables ou non, marcan o proceso cutáneo de cada persoa", engade.
Os homes son os máis afortunados, porque teñen unha pel máis resistente ós estragos da idade, é máis rica en coláxeno, máis elástica e máis firme. Ademais, é un 24% máis espesa cá feminina, con menos engurras. "Eles teñen unha pel máis grosa, con entre 3.000 e 6.000 pelos que cobren o seu rostro, polo que envellecen máis tarde, aínda que cando lles saen engurras son máis profundas. Pola súa banda, as mulleres envellecen antes e son ademais máis tendentes á flacidez", destaca

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario